Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Xunta celebra que Cabo Ortegal sexa unha das candidaturas españolas a Xeoparque Mundial da Unesco

A candidatura de Cabo Ortegal “será unha das dúas propostas que elevará España este ano ante o órgano da Unesco encargado de decidir que novos territorios se incorporan á rede de protección ambiental de xeoparques mundiais”. Son declaracións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Xunta de Galicia). Durante un acto convocado onte en Valdoviño para dar a coñecer a decisión, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, felicitou á Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal como promotora da candidatura, así como a todas as administracións que se implicaron na súa defensa nos últimos anos.

 

A responsable autonómica lembrou que a Xunta avalou dende o principio a proposta que aspira a converter esta zona no segundo Xeoparque Mundial da Comunidade e comprometeuse a seguir brindando o seu apoio ata que se coñeza a decisión final da Unesco. Do Campo explicou que ademais de expresar o seu respaldo inicial á candidatura a través dunha carta, nos últimos meses a Xunta interveu en dúas ocasións ante o Comité Nacional Español de Xeoparques para defender os valores e puntos fortes “que fan de Cabo Ortegal un territorio idóneo para integrarse na rede de xeoparques”. Resaltou que a excepcional riqueza xeolóxica deste espazo foi o principal aval do proxecto.

 

Por todos estes valores, Belén do Campo considerou que Galicia afronta a recta final cun proxecto sólido e con moitas garantías de éxito, declarando que “estamos ante unha aposta gañadora”. Por este motivo, a responsable autonómica indicou que “o respaldo do Goberno galego a esta candidatura e ao recoñecemento internacional do potencial deste territorio localizado ao norte da provincia da Coruña tamén se plasma en investimentos”.

 

Do Campo lembrou que Xeoparque do Cabo Ortegal é un dos nove proxectos turísticos considerados aptos pola Xunta e o Goberno central para optar a 14,6 M€ dos fondos europeos Next Generation no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, o que lle permitirá modernizar e facer máis sostible a oferta turística do seu territorio. Cómpre sinalar que a zona incluída na proposta do Xeoparque do Cabo Ortegal conta cunha superficie de case 630 km2 e unha gran riqueza e variedade xeolóxicas. A declaración como Xeoparque abriría novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural, turística e económica da súa área de influencia. Ademais, este novo recoñecemento engadiríase ao resto de distintivos de protección ambiental cos que xa conta: catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.

 

Próximos pasos

 

Tras a decisión do Comité Nacional Español de Xeoparques, oficialízase a candidatura ante a Unesco de Cabo Ortegal, que poderá continuar a partir de agora co proceso de designación a nivel internacional. A Xunta explica que España deberá “informar das dúas propostas seleccionadas e remitir toda a documentación na que se detallan os traballos realizados ao longo das últimas décadas sobre eses espazos”. O próximo verán, avaliadores independentes visitarán ambas zonas e analizarán o grao de cumprimento dos criterios fixados pola Unesco para integrarse na rede mundial de xeoparques. Isto sustentará a decisión final do Consello Executivo da Unesco, que se reunirá previsiblemente na primavera do ano 2023.

Comparte esta noticia