Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A situación dos traballadores forestais en Galicia: contratos temporais e precariedade laboral

Os traballadores e traballadoras do sector da silvicultura e explotación forestal son imprescindibles para manter os nosos bosques en boas condicións. Polo tanto, é importante que os profesionais desta área teñan unhas condicións dignas, uns postos de traballo seguros e uns contratos que non sexan temporais, características das que non dispoñen na actualidade. É certo que a extinción é fundamental en temporada de risco de incendios, pero tamén hai que establecer labores preventivas durante todo o ano, especialmente en época invernal. Así, os postos dos traballadores forestais non deben ser temporais, senón indefinidos.

Ignacio Salcedo, secretario da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (APROPIGA), resalta a falta de personal en inverno, o que dificulta a actuación ante a alta demanda de traballo. O secretario de APROPIGA indica que dende a asociación reclaman que os traballadores forestais deberían traballar doce meses para ter unha “prevención real e efectiva”. Ademais, tamén resalta a escasa estabilización laboral que existe no sector, especialmente para os traballadores de seis meses. Por outra banda, Salcedo destaca que os traballadores forestais non teñen un recoñecemento profesional e económico acorde ao traballo que desenvolven, polo que existe unha precariedade laboral a nivel xeral. En definitiva, dende APROPIGA pídese máis tempo de traballo para todos para ser un servizo profesional, xa que “para ser profesional do teu traballo tes que poder vivir do teu traballo”.

Segundo un monográfico elaborado pola UGT, a actividade forestal presenta unhas características moi diferenciadas en comparación co resto de sectores de actividade, especialmente cando se trata de traballos de extinción de incendios: traballo ao aire libre nas horas centrais do día e en días calorosos; traballo con ferramentas manuais e mecánicas; traballos vinculados con mobilidade e desprazamentos; traballo continuado; traballo en condicións de estrés elevado; xornadas prolongadas; alonxamento e dispersión dos lugares de traballo; e dispoñibilidade do traballador fóra da súa xornada laboral e en días de descanso. Ademais, o sindicato lembra que os incendios forestais de sexta xeración presentan unha severidade nunca antes vista, con capacidade para transformar as condicións atmosféricas. Así, esixe mellores condicións de traballo e maior inversión en prevención de riscos laborais.

Plan de prevención de incendios forestais

A Xunta de Galicia destina este ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón incrementar a súa doración preto dun 13% respecto do exercicio anterior. Con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Ademais, neste plan tamén se contempla a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes, o que suporá actuar nun total de 4.861 puntos. Así, “o principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible”. O plan estrutúrase en dous grandes bloques: a programación de medidas e accións dirixidas á poboación; e as centradas no territorio.

Ademais, “no plan contémplanse todos os datos relativos a superficies de actuacións tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsisdiarias previstas, os labores en vías de titularidade municipal, nos perímetros de alto risco de incendios e, como novidade, en varios concellos piloto”. En canto á planificación dos labores preventivos, contémplanse tanto os que están previsto realizar con medios propios, os contratados, os desenvolvidos mediante subvencións e os enmarcados en convenios coas entidades locais. Estes últimos refírense ás motobombas, rozas ou construción de brigadas. Así, a Xunta lembra que no 2022 está previsto tramitar ata 263 acordos con entidades locais para estas finalidades. Cabe destacar que este plan integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga 2022) que está previsto aprobar antes do inicio da temporada de alto risco de lumes, o 1 de xullo.

Comparte esta noticia