skip to Main Content
Galicia Evita A Contaminación De 8.142 Toneladas De Aceites Industriais Usados En 2020

Galicia evita a contaminación de 8.142 toneladas de aceites industriais usados en 2020

Malia a crise do coronavirus, a xestión do aceite industrial usado non cesou a súa actividade. SIGAUS, o sistema encargado da recuperación deste residuo perigoso a nivel nacional (cuxas empresas adheridas representan preto do 90% do aceite lubricante que se pon no mercado en España), garantiu no ano 2020 o cumprimento legal e a protección da nosa contorna coa recuperación de 8.142 toneladas brutas de aceites usados en Galicia. A recollida bruta a nivel provincial foi de 3.651 toneladas en A Coruña; 1.160 toneladas en Lugo; 1.042 toneladas en Ourense; e 2.291 toneladas en Pontevedra. Esta cantidade inclúe o volume de aceite usado neto finalmente tratado e certas cantidades de impropios, como auga o sedimentos, que supoñen o 7% do total.

 

SIGAUS levou a cabo 11.002 operacións de recollida de aceite usado en 295 municipios galegos (91 en A Coruña, 64 en Lugo, 78 en Ourense e 60 en Pontevedra), nos que se atendeu a 5.231 establecementos. O 53% dos establecementos nos que se realizou o servizo de recollida foron talleres mecánicos (2.795 talleres), sendo ademais a actividade de maior xeración de aceite usado nesta comunidade. Un gran número restante de recollidas tivo lugar nunha ampla variedade de actividades, como a industria, o comercio, a agricultura, a hostelaría, o transporte… que sumaron 2.436 establecementos. Esta xestión evitou a emisión de 4.773 toneladas de CO2 e aforrou a utilización de máis de 1,3 millóns de barrís de petróleo.

 

Segundo SIGAUS, a recuperación deste residuo perigoso ten un importante valor engadido en zonas afastadas, principalmente rurais. De feito, o 72% dos municipios galegos onde se recuperou aceite usado son rurais. Cabe destacar que, facendo unha división por provincias, a porcentaxe de municipios rurais con recollida foi do 64% en A Coruña; do 94% en Lugo; do 88% en Ourense; e do 38% en Pontevedra. Por outra banda, a nivel rural atendéronse 1.858 establecementos, sendo 677 de A Coruña, 645 de Lugo, 245 de Ourense e 291 de Pontevedra. Ademais, recuperáronse 2.458 toneladas de residuo neste ámbito (1.060 en A Coruña, 697 Lugo, 351 en Ourense e 351 en Pontevedra).

 

Dentro do medio rural de Galicia, en zonas especialmente vulnerables á contaminación (como espazos protexidos e recursos hídricos) recuperáronse 746 toneladas de aceites usados de 598 establecementos. En concreto, SIGAUS recolleu 665 toneladas na contorna de 13 espazos protexidos en Galicia, incluíndo Parques Naturais, Reservas da Biosfera e Zonas Ramsar. Pola súa parte, na contorna de recursos hídricos, evitouse o potencial contaminante de 123 toneladas de aceites usados. Pola súa parte, a actividade de recollida tamén foi intensa en zonas de montaña ou escasamente poboadas de Galicia, coa prestación de servizo de recollida en 569 e 43 establecementos respectivamente.

 

Unha vez recollido, o aceite usado é analizado en centros de transferencia onde se determina o seu destino final. Galicia conta con 14 instalacións de xestión de aceites usados, incluíndo catro plantas de xestión final, unha de rexeneración e tres de tratamento previo á súa valorización enerxética. Cabe destacar que un 32% do aceite usado neto recollido en 2020 en Galicia foi tratado mediante rexeneración (2.605 toneladas). O volume de residuo destinado a este tratamento permitiu devolver ao mercado 1.631 toneladas de lubricantes, e o aforro de case 766.000 barrís de petróleo. E, en termos ambientais, este proceso fixo posible evitar a emisión de 1.738 toneladas de CO2 á atmosfera. Os aceites usados que non foron rexenerados tratáronse para fabricar combustible de uso industrial, utilizado en centrais térmicas de xeración eléctrica, cementeiras, papeleiras e equipos mariños. A este tratamento destináronse o pasado ano 5.538 toneladas, evitando así a emisión á atmosfera de 3.035 toneladas de CO2 e a utilización de case 571.000 barrís de petróleo.

 

Eduardo Lecea, director xeral de SIGAUS, asegurou que o 2020 foi o ano máis responsable para a entidade. “Cando todo parou, a nosa actividade foi declarada esencial, e decicimos reforzar o noso sistema para seguir axudando ao teixido económico mediante a recollida do aceite usado en toda España”, resaltou. Ademais, engadiu que a misión de SIGAUS foi asegurar a operativa doutras actividades esenciais e garantir que o aceite usado “non fose un problema engadido, senón un resolto”. En definitiva, que a xestión do aceite usado non parase para as miles de empresas que o necesitaban, co obxectivo de seguir adiante nun ano tan complicado.

 

Back To Top