Saltear al contenido principal
Galicia Ambiental únese Ao Reto Internacional #RefugalloCero, E Ti?

Galicia Ambiental únese ao reto internacional #RefugalloCero, e ti?

O próximo mércores 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, e dende a Asociación Galicia Ambiental queremos reinvindicalo uníndonos á campaña internacional Refugallo Cero, promovido por Zero Waste. O obxectivo deste reto é reducir ao máximo o consumo de plástico durante unha semana, dende mañá 3 ata o 9 de xuño, e pór en alerta dos problemas ambientais que xeran os refugallos de plástico dun só uso, tan arraigados na nosa sociedade.

Dende Galicia Ambiental queremos desmostrar que vivir sen plástico é posible e tan só é necesario mudar un chisco as nosas costumes diarias. Pensar no noso espazo natural e nas consecuencias graves que ten no medio ambiente, xunto cunha miga de creatividade e enxeño basta para confirmar que si existen alternativas ao plástico.  

Apostamos por unha sociedade e uns espazos naturais desplastificados e mudando pequenos hábitos cotiás do noso xeito de consumir podemos reducir a nosa achega de plásticos ao medio. Con actos tan sinxelos como usar botellas ou envases de vidro, levar bolsas reutilizables para facer a compra ou mercando productos a granel empregando bolsas de papel ou de tea ou mesmo envases de vidrio podemos reducir o noso lixo diario de plásticos de xeito notable.

A invasión do plástico dun só uso en cifras

Na actualidade, resulta compricado, pero non imposible, non empregar envases de usar e tirar, pois o plástico dun uso está por todas partes e parece que nos rodea: bolsas, bandexas, botellas…

Tendo en conta que Europa é o segundo maior produtor de plástico do mundo (arredor de 50 millóns de toneladas ao ano) e estando España entre os primeiros cinco países produtores podemos afirmar que a invasión do plástico existe e como consumidores está nas nosas mans revertir esta situación.

Temos moitos motivos para reducir o consumo de plástico e as cifras son o mellor exemplo para reflectir a realidade na que vivimos:

  •  O 40% da demanda de plásticos en Europa é para os dun só uso.
  • Cada segundo mércanse 20.000 botellas de plástico no mundo, esto é un millón por minuto e empregamos 160.000 bolsas de plástico por segundo (cunha vida útil de 15 minutos).
  • Unha bolsa tarda 150 anos en degradarse e unha botella pode tardar en desaparecer 1.000 anos.
  • Só en España usamos máis de 13 millóns de palliñas de plástico ao día.
  • Só o 9% do plástico a nivel mundial recíclase. Na Unión Europea só se recuperan o 30% dos envases, en Galicia non chega ao 15%.
  • 8 millóns de toneladas de plástico rematan nos océanos, isto é un camión de basura cheo de plástico cada minuto. Cifra que se duplicará no 2030 se permanecemos inactivos.
  • Estímase que uns 100.000 mamíferos mariños e un millón de aves morren cada ano pola contaminación de plásticos.
  • Tomando como exemplo o Mediterráneo, éste contén só o 1% das augas do planeta pero concentra o 7% de microplásticos do mundo. Nós tamén inxerimos plástico.

E con estas cifras na man, desde Galicia Ambiental animamos a toda a sociedade a unirse á campaña Refugallo Cero durante a semana do 3 ao 9 de xuño co fin de consumir cero plásticos dun só uso, e concienciar así sobre esta problemática que é de todos.

A Asociación Galicia Ambiental

A asociación de profesionais ambientais, Galicia Ambiental, é o punto de encontro e defensa de intereses dos profesionais do sector medioambiental. O coñecemento, divulgación e a posta en valor das boas prácticas ambientais de empresas, institucións ou persoas (participación en foros, órganos consultivos, grupos de traballo…) son os piares sobre os que se asenta a asociación. Outro dos obxectivos que moven ao colectivo, é a denuncia ante as administracións públicas e/ou a Administración de Xusticia, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado… de prácticas ilegais ou lesivas co medioambiente no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, indistintamente de que a súa orixe teña relación con accións levadas a cabo por persoas físicas, empresas, institucións, etc. Galicia Ambiental é unha entidade, sen ánimo de lucro, que integra a profesionais independentes e/ou representantes de empresas, institucións, corporacións de dereito público, medios de comunicación… que desenvolven a súa actividade profesional na área medioambiental, en definitiva, todas aquelas persoas para as que o medio ambiente é unha cuestión primordial.

Volver arriba