skip to Main Content
Galicia Ambiental Amplía Prazo E Prazas De Inscrición Para A Plantación Do €Voluntariado Da Luz” En Chandebrito

Galicia Ambiental amplía prazo e prazas de inscrición para a plantación do “Voluntariado da Luz” en Chandebrito

A Asociación Galicia Ambiental amplía as prazas e o prazo de inscrición para participar na plantación dentro do programa “Voluntariado da Luz”, enmarcado no proxecto “Árbores de Cinza”, que terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de marzo. Ademais, ábrese aos nenos a participación no evento. As inscricións recibidas na primeira convocatoria (anteriores ao 30 de xaneiro), deberán repetirse por un erro no proceso de datos e para o cumprimento da LOPD.

As inscripcións realizaránse a través dun formulario que atoparán na nosa web.  Estas inscricións, que serán a título individual e intransferibles, confimaránse por medio de correo electrónico o próximo 1 de marzo de 2020 e terán carácter xa de acreditación (todas as que se recibiron a partir do 31 de xaneiro, usando este formulario, son válidas e foron rexistradas).

Nesta nova convocatoria e ante a boa acollida deste evento entre os interesados, a organización amplía as prazas ata un total de 125 persoas. Ademais, atendendo a demanda dos pais, o evento do Bosque da Luz ábrese tamén aos nenos que queiran participar. Neste caso, os pais que estén acompañados por menores deberán anotalos tamén consignando os seus nomes e idade no mesmo formulario. Deste xeito os máis pequenos serán partícipes das actividades programadas na Plantación do Bosque Festival da Luz.

 

Natureza e música para o “Bosque Festival da Luz”

A Plantación do Bosque “Festival da Luz” terá lugar na fin de semana do 14 ao 15 de marzo en Chandebrito, no concello pontevedrés de Nigrán, en colaboración coa súa Comunidade de Montes, Asociación Veciñal e Concello.

Para eses días, está programada a plantación do Bosque Festival da Luz o sábado 14 de marzo, que se realizará en dúas quendas. A primeria ás dez da mañá e retomaráse a plantación logo do xantar que se o tempo acompaña, será no Bosque da Memoria, ou no seu defecto no Pavillón do Colexio Estudio de Chandebrito. Para aqueles que o desexen, poderán participación na tarde do sábado en talleres no mesmo centro. A actividade está dirixida especialmente a nais/pais con nenas/os ou adolescentes e estará aberta a outras/os nenas/os que queiran participar na mesma.

Xa pola noite e no mesmo pavillón,  os participantes ao Voluntariado do Bosque Festival da Luz, poderán asistir á cea de confraternidade e ao concerto (ata cubrir a capacidade) que unha vez rematado, o recinto, quedará a disposición exclusiva dos voluntarios para a durmida, quen así o desexen. Para aqueles que queiran facer noite con nenos ou os que non desexan facer uso deste formato de dormida, poderán facer uso da oferta hoteleira da zona. A organización informará da “oferta” de aloxamento e facilitará os datos de contacto aos interesados.

Xa na xornada do domingo, e como despedida, os voluntarios están convidados a participar na “Andaina etnográfica” para descubrir a zona e na que poderán visitar o castro, petroglifos ou os muíños que atoparán ao longo do percorrido. Tanto a plantación como a participación nas actividades programadas, serán de balde e limitadas ás persoas que conten coa correspondente acreditación.

 

O “Bosque Festival da Luz”

O apoio financeiro da organización do Festival da Luz permitiu, por segundo ano consecutivo, o desenvolvemento do proxecto Árbores de Cinza da Asociación GALICIA AMBIENTAL. Un proxecto que conta cun conxunto de accións de divulgación escolar sobre a problemática do incendios, accións de comunicación que culminan coa realización dunha gran reforestación con especies autóctonas.

As accións de divulgación e sensibilización véñense a desenvolver dende o 2019, e para o 14 de marzo de 2020, está aberto (ate o 1 de marzo) o prazo de inscricións no programa de voluntarios. Todas as persoas que desexen poden participar na plantación do Bosque Festival da Luz do 14 de marzo, incribíndose mediante o formulario da web.

Será unha acción de reofrestación con centos de árbores de castaño, nos que o seu ciclo biolóxico avanzado permitirálle entrar en produción en poucos anos e consolidar unha plantación experimental sostible. A plantación realizaráse nos montes de Chandebrito, parroquia que pertence ao concello pontevedrés de Nigrán e que foi asolada polo lume dos incendios de 2017, e vai ser completada con sembras compatibles como novos árbores “microrizados” para obtención de setas.

A plantación do “Bosque Festival da Luz” conta cun orzamento de case 14.000 euros dun investimento total, nestes dous anos, superior aos 50.000 euros para levar a cabo as distintas accións desenvoltas e programadas. Un investimento total, no que a meirande parte son aportados polo Festival de La Luz. A plantación, contará con máis de medio milleiro de castiñeiros destinados a crear unha parcela experimental con árbores de produción de castaña, madeira e cogomelos en algo máis dunha hectárea. Con este predio experimental, no Monte Veciñal en Man Común de Chadebrito, preténdese, amais de recuperar unha zona devastada polos incedios forestais, pór en valor unha especie autóctona como é o castiñeiro, que pode chegar a producir un ingreso de máis de 6.000 euros ao ano, cifra ben alonxada dos 1.000 se se trata de eucaliptos (nunha plantación de 1 hectárea), especie dominante nas parcelas privadas da zona.

Esta iniciativa completará o proxecto iniciado co “Bosque da Memoria” en Chandebrito e recuperar así unhas das zonas máis afectadas polos incendios en outubro de 2017 en Galicia, e que supuxo a posta en marcha da acción “Árbores de Cinza”. Unha inciativa que rematará en setembro de 2020 coas melloras que se realizarán no “Bosque da Memoria” e co acto solidario “Apadriña unha árbore”, que se levará a cabo en colaboración coa Comunidade de Montes de Chandebrito.

Back To Top