Saltear al contenido principal
Galicia á Cola En Reciclaxe Do Estado

Galicia á cola en reciclaxe do Estado

Se tivésemos que por unha nota á xestión e reciclaxe dos residuos na comunidade galega non sería un aprobado, nin sequera raspado, tal e como calificaron algúns medios de comunicación estes días. En materia de reciclaxe, por desgaraza, quedaríamos nun moi deficiente. Galicia atópase á cola en reciclaxe con respecto ao resto das comunidades autónomas do Estado.

Cos datos oficias máis recentes á man (Memoria anual de xeneración e xestión de residuos de competencia municipal. 2016, do Ministerio para a Transición Ecolóxica), na nosa comunidade as cifras de reciclaxe non chegan ao 14%. Isto é, moi por debaixo do obxectivo marcado pola Unión Europea para o ano 2020, que é do 50% de reciclaxe dos residuos. Amais, segundo os últimos datos publicados por Eurostat, en España recicláronse no 2017 só o 33% dos residuos urbanos e máis da metade foron descartados en vertedoiros. Neste senso, se España quere chegar ao obxectivo europeo, terá que aumentar esta cifra de reciclaxe como mínimo 17 puntos en tres anos. Algo difícil de coneguir se temos en conta que en dez anos, entre 2007 e 2017, a reciclaxe de residuos urbanos tan só subiu tres puntos. Tendo en conta esta realidade, e á espera de obter os datos de 2018, non podemos descartar unha sanción ao Estado por parte da Unión Europea.

Se nos adentramos un pouco máis na análise dos datos, e tomando ademais da Memoria do Ministerio sobre xestión de residuos por CCAA, como referencia a última Memoria de Sostibilidade de Sogama publicada no 2016, de cada 100 quilos que se transporta a Sogama, só 3 saen para reciclar. O resto é eliminado en vertedoiro ou emprégase para a incineración con recuperación de enerxía. Precisamente, se temos en conta os datos de incinerado de Sogama, as cifras son moi baixas, pois non cumpre co mínimo fixado  pola Unión Europea para poder considerala como unha valorización enerxética. Europa marca o índice nun 0,6%, mentras que en Sogama ronda entre 0,29 e o 0,41%.

 

Onde está o problema e cales son as solucións?

Na última memoria presentada por Sogama, reciclou un 3,34% dos residuos que chegaron ás súas instalacións. Malia que as cifras son moi baixas, o “mérito ou demérito” da reciclaxe non está en Sogama senón nas cifras de residuos que os galegos depositan nos contedores de papel, vidrio e de envases.

O problema da realidade galega en materia de xestión de residuos e reciclaxe, está no modelo centralizado e lineal de Sogama, baseado na incineración e na eliminación en vertedoiro, no tocante da reciclaxe e da compostaxe tal e como indica a xerarquía en tratamento de residuos que marca a lei. Ademais, debemos ter en conta que ás instalacións de Cereda é onde se transportan máis do 80% dos residuos de Galicia e que a colaboración entre sistemas (Cerceda, Luosame e Nostián) é inexistente incumpríndose incluso acordos asinados neste senso. O sistema centralizado, ademais das emisións e malgasto de materias primas (materia orgánica e envases incinerados) presenta outros problemas ambientais como o gasto considerable en combustible, as emisións de CO2… O resultado: só o 3% dos residuos que recibe Sogama son recuperados para reciclar, o resto incinerados ou eliminados nun vertedoiro.

Se atendemos por exemplo aos envases, en Galicia, a cantidade dos que se recuperan sitúase nos 11,7 kg/habitante ao ano. Malia a media galega, a comunidade conta con execpcións que se achegan máis aos obxectivos de recuperación de envases marcados por Europa. Unha significativa diferenza marcan as cifras de recuperación rexistradas no Complexo Medioambiental do Barbanza, situado en Lousame, e que en 2018 alcanzou unha media de 32,5 kg de envases recuperados por habitante ao ano, cunha tendencia á alza. Moi preto das cifras do Complexo Medioambiental do Barbanza, sitúase A Coruña e a súa comarca, coa excepción de Arteixo, na que os residuos son tratados por Albada –  Planta de Nostián,  e que duplican a media galega.

Con todo, o modelo de xestión de residuos de Sogama, como vimos, non cumpre con ningún dos principios da Lei galega de residuos nin coa filosofía das directivas chegadas da Unión Europea para o 2020.Para poder mellorar os datos expostos e achegarnos ao obxectivo europeo para o 2020, dende Galicia Ambiental facemos un chamamento ás administracións públicas. Fáise necesario unha aposta por políticas centradas nos biorresiduos, a través da compostaxe a pequena e a mediana escala: caseira, comunitaria e en pequenas plantas. Ademais de campañas de concienciación acompañadas de medidas fiscais que beneficien ás boas prácticas en xestión de residuos. Así o fan onde se atopan os mellores resultados no Estado, e tamén fóra das nosas fronteiras, onde van da man as Administracións, as Universidades, o persoal político e tamén o técnico.

A cooperación entre sistemas e a aplicación dos principios de Economía Circular, en fase de transposición a España para entrada en vigor en 2020, son piares nos que apoiar o cumprimento dos obxectivos fixados e a nova normativa, que sitúa a incineración e o vertedoiro como últimas alternativas, pero pon o acento na recuperación e na reutilización sen fin de elementos inorgánicos e orgánicos.

 

Volver arriba