ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian no ICOMOS (UNESCO) a afectación dunha canteira ao Camiño de Santiago Norte
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) conxuntamente coa Asociación Socio Cultural Mariña Patrimonio vimos de solicitar no Comité Español do ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios da UNESCO) que abra unha investigación e se pronuncie sobre como afecta ao Camiño de Santiago do Norte os labores que a empresa Canteras Santa Cecilia ten realizado dentro do Territorio histórico do Camiño de Santiago e como lle vai afectar a este ben, Patrimonio da Humanidade, a futura ampliación da canteira do Monte da Trinidade. O Monte da Trinidade atópase entre a parroquia de Vilamor, no concello de Mondoñedo, e o lugar de Arroxo, no concello de Lourenzá (Lugo), onde están catalogados e, teoricamente, protexidos o Castro de Flores, o Castro da Trinidade e o Camiño de Santiago.