skip to Main Content
Félix Rodríguez De La Fuente: Un Dos Activistas Ecoloxistas Máis Precoces De España

Félix Rodríguez de la Fuente: un dos activistas ecoloxistas máis precoces de España

Este 14 de marzo cúmprense 40 anos do pasamento de Félix Rodríguez de la Fuente, considerado un dos activistas ecoloxistas máis precoces de todo o territorio nacional. Dende Galicia Ambiental queremos facer unha pequena homenaxe repasando os momentos máis importantes que marcaron a súa vida. Recomendamos, tamén, que para facer máis ameno a situación sanitaria que estamos a vivir, o documental biográfico Félix Rodríguez de la Fuente conducido pola súa filla Odile Rodríguez.

O naturalista burgalés, foi quen de espertar a conciencia ecolóxica e o respeto pola natureza a toda unha xeración do noso territorio. O seu carácter carismático e a súa paixón pola fauna e flora traspasou mesmo a nosas fronteiras. Un carácter e unha paixón que comezou a cultivar dende a súa infancia na súa localidade natal.

 

Unha nenez libre marcada polas paisaxes castelás

Félix Samuel Rodríguez de la Fuente naceu un 14 de marzo de 1928 en Poza de la Sal, unha localidade de pastores da provincia de Burgos, no seo dunha familia acomodada. Nunha casa rodeado de libros e cuns pais cultos e moi preocupados pola educación dos fillos, Samuel Rodríguez e Marcelina de la Fuente Ibáñez decidiron que o neno Félix e a súa irmá non pisaran a escola ata cumpridos os dez anos. Isto unido a unha guerra civil  fixo que pasara así a súa primeira década de vida na biblioteca familiar lonxe de colexios. O seu pai, notario de profesión, foi o encargado de imapartirlle leccións básicas, e saíndo con el a camiñar pola contorna.

Foron anos nos que Rodríguez de la Fuente foi libre de explorar a natureza que rodeaba a súa localidade natal, Poza de la Sal.

 

Escolarización: a perda da liberdade que forxa a figura de Félix Rodríguez de la Fuente  

Con dez anos pisa por vez primeira a escola e foi enviado ao Colexio Sagrado Corazón Corazonistas en Vitoria-Gasteiz. Contaba o propio Rodríguez de la Fuente, que fora unha época dura, na que se deu conta do significado de perder a liberdade e marcada pola morriña do vivido no campo, as súas vivencias e das historias que lle contaba súa nai e os pastores do lugar.

Con todo, o certo é que comezou aquí a base do que anos máis tarde representaría a figura de Félix Rodríguez de la Fuente. “Aprendín sen darme conta a facer o que fago agora”, confesaba nun dos seus programas, pois decía que “cando voltaba á miña Poza de la Sal, colleitaba multitude de sensacións, metíaas na miña cabeza con verdadeira fame” para logo recordalas durante os invernos  da época escolar.

 

A universidade

En 1946, trasládase a Valladolid para comezar os seus estudos universitarios na carreira de medicina, seguindo os consellos de seu pai.  Volve a experimentar aquí a liberdade que tanto ansiaba o Félix mozo e entrégase ás súas inquedanzas, á lectura, ao deporte e ás distraccións da cidade valisoletana.

Con todo, licenciuouse en medicina, pero a súa intelixencia xamais se contentou co regulamento académico e case todo o que sabía aprendeuno de forma autodidacta, empregando a lectura e a observación. Rodríguez de la Fuente falaba e escribía nun impecable castelán que fixo del un dos divulgadores científicos máis coñecidos do mundo. Precisamente, grazas a dous dos seus mellores atributos, a oratoria e a memoria, Félix foi sacando con calificacións destacables as materias da carreira.

 

As aves de presa e a recuperación da cetraría

Foi durante estes anos univeritarios, cando o camiño de Rodríguez de la Fuente se uniu co dun mozo que máis tarde se convertiría nun dos mellores biólogos español, José Antonio Valverde. Con el, o burgalés puido profundizar na súa paixón pola natureza e os animais, descubrindo a súa verdadeira vocación. Entre os dous tiñan o reto de tratar de resucitar unha arte medieval, a cetraría.

Dedicou varios anos da súa vida a desempoar libros medievais para resucitar esta práctica que fóra extinguida siglos atrás e que para Rodríguez de la Fuente significaba “a primeira vez na que o home non someteu ao animal ao xugo e ao látego”. Con todo, a súa fascinación polos falcóns, aguias ou os gabiáns víñalle xa dende moi neno, e levouno anos máis tarde a intentar aliarse con eles.

Félix Rodríguez de la Fuente tiña unhas inquedanzas conservacionistas das aves de presa que nesa época ninguén posuía. A relación case persoal entre o burgalés e estas especies que uniu o interese pola cetraría, fixo que se convertera nun loitador para conservalas.

En 1954, créase a Sociedade Española de Ornitoloxía, e Félix foi un dos firmantes da acta fundacional. Dende esta plataforma e grazas aos estudos de campo que el mesmo realizaba, en 1966 consegue protexer ao falcón peregrino e as aves rapaces nocturnas nas nosas fronteiras. España, da man de Félix, convértese nun referente para a comunidade internacional ao ser o primerio país no que crean este tipo de leis conservacionistas. En moi poucos anos, toda Europa cambiou a súa mentalidade sobre estas especies, deixan de considerarse alimañas para se converteren case en especies  sagradas.

 

Falcoeiro e divulgador

Rematada a carreira de medicina, De la Fuente trasládase a Madrid para traballar como dentista pero sen abandonar a súa paixón pola cetraría e os estudos de campo. Sen embargo, aos poucos anos deixa definitivamente a profesión para dedicarse exclusivamente como falcoeiro e divulgador, nunha época na que o traballo en España escaseaba e proba delo foi que máis de dous millóns de españoles emigraron a Alemaña.

Félix fai unha arriscada aposta pola verdadeira vocación e aventúrase no mundo da comunicación. Crea o seu segundo traballo cinematrográfico, publica o libro “El arte de la cetrería”, escribe para a revista “Blanco y Negro” e colabora durante dous anos no programa de TVE “Fin de Semana”.  Xa aquí Félix Rodríguez de la Fuente deixaba ver a importancia da responsabilidade de todos para conservar e respetar a natureza e o medio ambiente.

 

A súa entrada nos fogares

Foron entre os anos 64 e 67 cando Rodríguez de la Fuente irrompe nos forgares españois a través da televisión, converténdoo nun auténtico embaixador da defensa da natureza e na voz dos pobos rurais, dos pobos de cultivos, de todas aquelas persoas que tiveron que deixar as súas aldeas para emigrar ás cidades. Dende a súa primeira aparición na televisión, nos seguintes anos, Félix Rodríguez de la Fuente pasou a tratar temas tan innovadores como a bioesfera ou a contaminación. Chegan así, espazos en televisión como “Nuestro amigo Félix”, “Imágenes para saber”, “Fauna” ou “Planeta azul”, pero tamén publicacións nas que destacan “Enciclopedia Salvat de la Fauna”, traducida a máis de 15 idiomas.

En España, é recoñecido sobre todo por “El Hombre y la Tierra”, programa que dirixiu para Televisión Española entre os anos 73 e 80. Cento vinte e catro capítulos que achegaron aos espectadores ao ecosistema da Península Ibérica, Venezuela, o Amazonas, Canadá e Alaska.

Tamén, a radio pronto se convertiría nun medio no que entraría a formar parte Félix Rodríguez de la Fuente. En 1973 e durante sete anos a súa voz e os seus coñecementos da natureza percorrían as ondas radiofónicas en forma de grandiosas historias, co programa semanal “La aventura de la vida” de RNE.

 

A súa relación cos lobos

Félix Rodríguez de la Fuente era paciente e moi minucioso, calidades que lle valeron para pasar catro anos seguindo a unha manda de lobos para grabar un documental de escasos 30 minutos. Amais, publicou unha serie de reportaxes en ABC, nos que relataba como conseguiu converterse no líder dunha manda de lobos. A súa idea era a de desmontar o mito de que estes animais eran agresivos.

Durante anos, Félix puido manter a dúas crías de lobos e permitiulle iniciarse na observación do comportamento destes animais e trasladar á comunidade científica un dos primeiros estudos e o  máis extenso sobre os lobos. Os seus esforzos déron lugar a que en 1970 o lobo deixara de vérse como unha alimaña para ser unha especie cinexética a cal protexer.

De feito, a primeira gran polémica que envolveu a Rodríguez de la Fuente foi precisamente con este animal, co lobo.  As conclusións que se podían extraer dos seus estudos foron moi discutidas e moitos acusaron ao burgalés de manipulación. Foron diversos os sectores da sociedade, entre os que se atopaban agricultores, gandeiros e cazadores entre outros, os que criticaban a súa idea de protección do lobo. Tamén, en 1974 o acontecido en San Cibrao, Ourense cos presuntos “lobos asasinos”,  fixo que recibira moitas presión ao defender Félix a idea de que eses ataques non foran perpetrados por lobos, senón posiblemente por “chacales ou por cans liberados pola policía segreda portuguesa”. Na actualidade, son moitos os expertos que poñen en dúbida tales ataques dos lobos.

Con todo, o naturalista foi quen de evitar que o lobo ibérco se extinguise na Península como ocorreu na maior parte de Europa Occidental.

Apuntouse tamén á defensa do lince, do oso ibérico e da aguia imperial, das dunas de El Saler, o Parque de Doñana, as Tablas de Daimiel e un longo etcétera. A súa labor foi decisiva para acabar coas Xuntas de Extinción de Animais Daniños e Protección á Caza, e ademais, foi un dos impulsores do Fondo Mundial para a Natureza no noso país. Por isto e por todo o que rodeou a súa figura e traxectoria, Félix Rodríguez de la Fuente será por sempre un dos primeiros activistas ecoloxistas en España, responsable tamén, de espertar a conciencia ecolóxica e o respeto pola natureza de boa parte da sociedade da península.

 

Enlace de interese:

 

 

Back To Top