skip to Main Content
Escaladores De Greenpeace Entran Na Regasificadora De Reganosa Para Denunciar O Impacto Do Gas No Medio Ambiente

Escaladores de Greenpeace entran na regasificadora de Reganosa para denunciar o impacto do gas no medio ambiente

Activistas de Greenpeace demandan o peche da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos (A Coruña), pedindo tamén á clase política e ás empresas enerxéticas un plan de abandono progresivo do gas no noso país. Coa mensaxe “o gas é caro e contamina”, a organización ecoloxista denuncia a dependencia do gas, causante da suba do prezo da enerxía e da emerxencia climática. Segundo Greenpeace, o gas é un combustible fósil contaminante, como o carbón ou o petróleo: “É un potente emisor de gases de efecto invernadoiro composto fundamentalmente por metano, un gas cun potencial de quecemento global 84 veces superior ao do CO2 aos 20 anos, e sen a súa eliminación paulatina non se poderá frear a emerxencia climática e a crise enerxética”.

 

Francisco del Pozo, responsable da campaña para a eliminación dos combustibles fósiles en Greenpeace España, explica que “viñemos a un dos lugares nos que se xera tanto a crise enerxética como a climática para dicir que o gas non é a solución a ningunha das dúas cousas”. Ademais, engade: “Están a vendernos que o, mal chamado, “gas natural” é un combustíbel verde e de transición, pero en realidade é un destrutor do clima, que está a levar aos fogares a padecer altas tarifas de luz e calefacción”.

 

Despois do “insuficiente acordo da COP de Glasgow, cómpre máis ca nunca que os gobernos dean un paso á fronte”. Segundo a organización, o Goberno español leva tempo presumindo de compromiso contra a crise climática, pero se non traballa nun plan para o abandono dos combustibles fósiles, estará a dar as costas ás recomendacións científicas para evitar os peores impactos contra o cambio climático. Ademais, destaca outra grave consecuencia: a suba da factura da luz e do gas: “O incremento dos prezos da enerxía está causado pola volatilidade do gas e a dependencia que temos doutros países e, só planificando o seu abandono, os gobernos poderán protexer ás persoas máis vulnerábeis afectadas pola crise enerxética”.

 

Cabe destacar que o gas é o combustible fósil que máis medra no mundo e mudou na segunda fonte de enerxía fósil en Europa. Greenpeace considera imprescindible establecer un calendario para o abandono deste combustible. Ademais, demanda un sistema eléctrico “100% renovábel, libre de gas fósil, non máis tarde de 2030, e acadar o cero neto das emisións en 2040”. A planta de regasificación á que accedeu Greenpeace, propiedade de Reganosa, con participación da Xunta, é un dos puntos quentes da chamada crise do gas. Á escalada de prezos que están a vivir os fogares, súmase a actual emerxencia climática. Só en 2021, estímase que a planta de Mugardos vai ser responsable de máis de 5 millóns de toneladas de emisións directas anuais de CO2.

 

Oposición veciñal e ecoloxista local contra Reganosa

 

A protesta pacífica realizada por Greenpeace contou co apoio de representantes do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCERF), plataforma que agrupa a numerosas entidades locais contra a presenza da regasificadora en Mugardos. Por outra banda, Greenpeace sumouse á loita que leva realizando, tamén dende hai décadas, o CCERF, uníndose ao seu recurso contra a legalización da planta de Reganosa. “Esiximos unha data de paralización e desmantelamento da planta de Mugardos polo seu perigo e polo seu custo social e climático, asegurando un peche ordenado e unha transición xusta que xere empregos verdes e alternativos para a rexión” declarou Patricia Gabeiras, responsable legal do CCERF.

 

Petición contra o branqueo dos combustibles fósiles

 

O pasado 4 de outubro, Greenpeace, xunto con outras 20 organizacións, lanzou unha iniciativa europea cidadá para prohibir a publicidade e patrocinios dos combustibles fósiles. O obxectivo é acadar un millón de sinaturas a través da web “Basta de publicidade de combustíbeis fósiles!”. Con este fin, Greenpeace realizou accións de protesta similares en puntos da xeografía española como Sagunto e tamén noutros países europeos como Holanda ou Croacia.

Back To Top