Saltear al contenido principal
Opacidade E Falta De Participación Pública No Plan Forestal De Galicia 2021-2024

Opacidade e falta de participación pública no Plan Forestal de Galicia 2021-2024

O Consello da Xunta ven de aprobar como Decreto a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG) 2021-2024 “Cara á neutralidade carbónica”, que considera un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos. En relación ao eucalipto, márcanse programas de actuación e inciativas que contribúan a unha redución da superficie con presenza de eucalipto do 5% ao final do período. Jesús de la Fuente, enxeñeiro de montes, explica que o problema da redución do 5% da superficie de eucalipto está en cal é a superficie sobre a cal se aplica esa redución: “A indefinición ata agora en canto a cal era a superficie de referencia é o que xera moitas dúbidas”. Por enriba de todo o que se aprobe, o que existiu durante todo o proceso é unha “opacidade brutal”, de modo que soamente un sector moi pequeno da sociedade galega puido facer un seguemento. Iso levou ao fracaso do Plan Forestal porque, ao final, “este plan aplicámolo todos os cidadáns, dende a propiedade forestal ata o último usuario do monte”. Polo tanto, explica que “o sector forestal non é quen para definir a paisaxe galega”, xa que a paisaxe é de todos.

 

Así, o enxeñeiro de montes destaca o problema da opacidade, ademais da falta de transparencia e de participación pública. “Así como a Xunta de Galicia para, por exemplo, a aprobación dos plans hidrolóxicos abre uns portais de transparencia nos que os cidadáns poden participar de forma moi sinxela, aquí non houbo ese tipo de achegamentos á sociedade”. Jesús de la Fuente explica que hai 19 oficinas de distritos forestais que poderían ter feito “unha divulgación fantástica”. Pon o seguinte exemplo: se a administración fixera tan só un 20% do que fai Ence coa súa propaganda mediática na televisión galega xa sería suficiente para que a sociedade soubese que se ía a aprobar unha planificación que lle afecta directamente.

 

Unha das principais liñas do Plan Forestal de Galicia 2021-2024 pasa por promover a rexeneración natural de frondosas caducifolias, ata chegar a unha superficie total ocupada por estas masas autóctonas de 425.000 hectáreas en 2040, actuando nun 15% da superficie de frondosas. Ademais, a superficie de frondosas obxecto de xestión activa mediante tratamentos silvícolas incrementarase dende as 5.000 ha no primeiro quinquenio ata as 20.000 ha no último. Cabe destacar que, coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria o pasado 22 de maio, activouse tamén a suspensión temporal de novas plantacións de eucalipto onde antes non os había, ademas de reforzar a supervisión e control por parte da Xunta para asegurar o cumprimento da normativa. A maiores, priorizarase a mellora da xestión e a produtividade das masas de eucalipto da existentes e aplicarase un programa de transformación de eucaliptais degradados. Ademais, potenciarase a silvicultura do eucalipto e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa. O obxectivo é que no 2040 Galicia conte cunha superficie menor de eucaliptais, mediante a transformación en plantacións doutras especies.

 

Jesús de la Fuente destaca que non hai unhas recomendacións en canto á plantación de eucaliptos: “Hai un buraco nese sentido que non se cubiru co Plan Forestal e eu creo que un Plan Forestal debería establecer unhas pautas en canto a non só que especies poñer senón como traballar no monte, cales son as cautelas para reducir a erosión, cales son as limitacións en canto a superficies nas que se realiza un tipo de cortas ou outras, etc”. Ademais, non descarta que noticias como a do lobo ibérico supoñen unha boa distracción para que este asunto pase desapercibido. Por outra banda, recalca unha estratexia que se emprega para que a sociedade non participe: “Por exemplo, os procesos de información pública do Plan Forestal de Galicia hai dous veráns, comezaron e remataron en período vacacional no que os cidadáns desconectan”. Así, conclúe que os períodos de información pública deben ser períodos non vacacionais onde a xente poida dedicar, sen esgotar as súas vacacións, o tempo que merece un asunto tan importante coma este.

 

Martiño Nercellas, biólogo, explica que neste novo Plan Forestal resulta especialmente grave como se pretende solventar a regularización da superficie ocupada por eucalipto fóra de ordenación, máis do dobre da legalmente concebida no Plan Forestal do ano 1992. Unha importante superficie de eucaliptais non cumpriría coa legalidade e agora, segundo o biólogo, preténdese pasar páxina sen valorar as consecuencias que isto tivo para o territorio, para o medio ambiente, para as políticas de control de lumes e incluso para o propio sector forestal. Ademais, resalta o impacto na destrución da diversificación económica forestal. Destaca que, nun exercicio de “amnesia administrativa”, a Xunta obvia esta cuestión: “Fala de que se reducirá un 5% a superficie de eucalipto, pero sen desvelar sobre que punto de partida, se sobre a que legalmente debería ocupar ou sobre a real e fóra de ordenación”, conclúe Nercellas.

Volver arriba