Saltear al contenido principal
O Festival Internacional Mar De Mares Celebra A Súa Oitava Edición

O Festival Internacional Mar de Mares celebra a súa oitava edición

O xoves 23 de setembro comezou a oitava edición do Festival Internacional Mar de Mares, un encontro multidisciplinar único no mundo sobre a importancia e a defensa dos océanos celebrado na Coruña. No acto de inauguración participaron Manu San Félix, biólogo mariño, explorador de National Geographic e documentalista responsable da exposición de fotografía deste ano, ademais de representantes de diversas institucións colaboradoras e a organización de Mar de Mares. Este ano coincide co inicio da Década dos Océanos da ONU, e Mar de Mares quere contribuír a impulsar as ciencias oceánicas. Farao a través de disciplinas como a gastronomía, a música, o deseño, o cinema e a fotografía, entre outras. Merce Carballo, Directora do Festival Mar de Mares, explica o contento xeral que existe na organización do Festival, non só pola programación, tamén pola implicación da cidadanía que esgotou as entradas de practicamente todas as actividades (más de 30) en tempo récord.

 

En Mar de Mares a fotografía ocupa un papel fundamental como ferramenta de difusión e defensa dos océanos. Neste ano, a exposición principal do Festival é de Manu San Félix. Segundo Silvia Oviaño, comisaria do Festival, leva toda a súa vida dedicándose a investigar e coidar a vida submarina, especialmente no Mediterráneo. Manu San Félix destacou que “non só quero facer fotos visualmente bonitas, tamén quero acercar as profundidades do mar tendo en conta que a maioría da xente non pode ver os fondos mariños na súa vida. Ademais, é unha maneira de sensibilizar sobre a importancia dos mares sen ser apocalípticos”.

 

Juan Ignacio Borrego Vázquez, Primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá sinalou que “un dos obxectivos fundamentais é concienciar a poboación do risco extremo que supón o cambio climático e o xeito de afrontalo”. Pola súa parte, Gonzalo Trenor, Delegado Territorial da Xunta de Galicia, salientou unha das actividades deste Mar de Mares, o Mercado do Mar: “Un escaparate dos mellores produtos da pesca artesán galega e sostibles no que estará presente a marca pescaderías”. Por último, José Ramón Rioboo Castro, Deputado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, destacou que “Mar de Mares é un gran exemplo de cómo administracións, entidades, artistas de diversos ámbitos e expertos no eido do medio ambiente poden implicarse e colaborar con éxito para concienciar á sociedade da necesidade de coidar os océanos e preservar o noso valioso ecosistema mariño”.

 

Programa de Mar de Mares 2021

 

Mar de Mares 2021 completou un programa de máis de 30 actividades entre as que se atopan as exposicións de fotografía de Manu San Félix (National Geographic) e  Barbara Veiga (fotógrafa e activista), os encontros con Ángel León (cociñeiro 3 Estrelas Michelín), Javi Olleros (cociñeiro 2 Estrelas Michelín), Michel André (enxeñeiro  bioacústico e director do maior arquivo do mundo que recolle os sons da natureza), Francisco Sánchez (referencia mundial de áreas mariñas protexidas), o concerto da Orquestra Reusónica Trío, os Paseos pola Cidade-Barco, con Xurxo Souto, as saídas no veleiro Juan de  Lángara, as proxeccións de Ocean Film Fest e moito máis. Ademais, este ano organizouse a II gran limpeza de fondos mariños da Coruña, con 100 submarinistas voluntarios, e volve o Mercado do Mar, o mellor escaparate da pesca artesanal de Galicia.

 

Venres, 24 de setembro

 

O venres 24 a programación do Festival comezou ás 10 horas cunha limpeza de praias para construír instrumentos con materiais de reciclaxe a cargo da Orquesta Reusónica Trío, un proxecto musical que elaboran os seus propios instrumentos musicais con elementos reciclados. Ademais, Bárbara Veiga manterá un encontro inspirador na Fundación Paideia ás 19:00 horas, ao mesmo momento que comezan as saídas no veleiro Juan de Lángara. A última das actividades do día, programada para ás 20:00 horas, será un concerto de world jazz da Orquesta Reusónica Trío. Para coñecer a programación completa e máis detalles, podes visitar a páxina web de Mar de Mares: http://festivalmardemares.org/.

 

Sábado, 25 de setembro

 

O sábado 25, o Festival Mar de Mares comezou a xornada ás 10:00 horas coa cociña a bordo con Iván Domínguez, á vez que o bautismo de natación en augas abertas. Ás 11:00 horas, fíxose a apertura do Mercado do Mar e paseos pola cidade-barco. Ás 11:30 horas inaugurouse o Mercado do Mar, no Edificio La Mansión 1783 (Avenida da Mariña, 14). Os participantes foron Gonzalo Trenor (Delegado Territorial da Xunta de Galicia), Merce Carballo (Directora do Festival Mar de Mares), Silvia Oviaño (Comisaria do Festival Mar de Mares) e, como representante, Estrella Galicia. O Mercado do Mar é “o mellor escaparate da pesca artesanal de Galicia e dos produtos de mar elaborados con criterios de sustentabilidade”. Durante todo o día houbo showcookings, presentacións e degustacións de produtos, música, artesanía… Con nomes como Ángel León (3 Estrelas Michelín), Javi Olleros (2 Estrelas Michelín), Criselda Iglesias ou a compañía Portomuiños. Ás 12:00 horas inaugurouse na FNAC a exposición Eternal Pélagus da fotógrafa e activista Barbara Veiga, na que amosou algunhas das imaxes tomadas durante os vinte anos que dedicou á defensa de océanos e bosques en máis de 80 países. Media hora despois, realizouse a Visita Intermareal en familia, en As Xubias.

 

Xa pola tarde, ás 18:00 horas tivo lugar un encontro inspirador con Francisco Sánchez, biólogo mariño e coordinador científico do Proxecto Europeo Life Intemares, unha referencia mundial en relación ás áreas mariñas protexidas. Á mesma hora, en Fundación Paideia, realizouse outro encontro con Ángel León e Javi Olleros. A xornada concluíu coa última actividade ás 19:00 horas, A Coruña desde o mar. Para coñecer a programación completa e máis detalles, podes visitar a páxina web de Mar de Mares: http://festivalmardemares.org/.

Volver arriba