Saltear al contenido principal
O Bosque Da Luz Xa Ocupa O Seu Lugar En Chandebrito

O Bosque da Luz xa ocupa o seu lugar en Chandebrito

A Asociación Galicia Ambiental facendo uso de un reducido equipo de profesionais deu por rematada a reforestación do Bosque da Luz en Chandebrito. Logo de adiar as actividades de voluntariado e lúdicas do evento Plantación Festival Bosque da Luz, por mor da alerta sanitaria polo coronavirus, a plantación de medio milleiro de castiñeiros realizouse durante esta fin de semana nunha parcela de 1,5 hectáreas nos montes de Chandebrito, no concello pontevedrés de Nigrán.

Dende a Asociación Galicia Ambiental agradeceuse a inscripción e colaboración de todas as persoas que se anotaron para participar no programa Voluntariado da Luz. Malia que non poideron axudar na plantación do Bosque da Luz, serán convidados de novo a participar nas actividades lúdicas que estaban programadas para esta fin de semana, e nas que o Voluntariado Galicia Ambiental vaia a desenvolver a partires de agora.

 

O “Bosque Festival da Luz”

O apoio financeiro da organización do Festival da Luz permitiu, por segundo ano consecutivo, o desenvolvemento do proxecto Árbores de Cinza da Asociación GALICIA AMBIENTAL. Un proxecto que conta cun conxunto de accións de divulgación escolar sobre a problemática do incendios, accións de comunicación que culmina coa realización da reforestación solidaria con especies autóctonas.

Unha acción de reofrestación con 500 árbores de castiñeiro, nos que o seu ciclo biolóxico avanzado permitirálle entrar en produción en poucos anos e consolidar unha plantación experimental sostible. A plantación realizouse nos montes de Chandebrito, parroquia que pertence ao concello pontevedrés de Nigrán e que foi asolada polo lume dos incendios de 2017, e complétase con sembras compatibles como as novas árbores “microrizadas” para a obtención de setas.

A plantación do “Bosque Festival da Luz” conta cun orzamento de case 14.000 euros dun investimento total, nestes dous anos, superior aos 50.000 euros para levar a cabo as distintas accións desenvoltas e programadas. Un investimento total, no que a meirande parte son aportados polo Festival de La Luz. A plantación, conta con máis de medio milleiro de castiñeiros para crear esta parcela experimental con árbores de produción de castaña, madeira e cogomelos en algo máis dunha hectárea e media. Con este predio experimental, no Monte Veciñal en Man Común de Chadebrito, preténdese, amais de recuperar unha zona devastada polos incendios forestais, pór en valor unha especie autóctona como é o castiñeiro, que pode chegar a producir un ingreso de máis de 6.000 euros ao ano, cifra ben alonxada dos 1.000 se se trata de eucaliptos (nunha plantación de 1 hectárea), especie dominante nas parcelas privadas da zona.

Esta iniciativa completará o proxecto iniciado co “Bosque da Memoria” en Chandebrito e recuperar así unhas das zonas máis afectadas polos incendios en outubro de 2017 en Galicia, e que supuxo a posta en marcha da acción “Árbores de Cinza”. Unha inciativa que rematará en setembro de 2020 coas melloras que se realizarán no “Bosque da Memoria” e co acto solidario “Apadriña unha árbore”, que se levará a cabo en colaboración coa Comunidade de Montes de Chandebrito.

Volver arriba