Saltear al contenido principal
Menos Carne Pero De Maior Calidade Para Preservar O Medio E Para Unha Vida Máis Saudable

Menos carne pero de maior calidade para preservar o medio e para unha vida máis saudable

Dun tempo a esta parte e en relación coas estratexias e recomendacións chegadas de Europa para encamiñarnos cara unha economía máis sostible, algún sectores e medios insinuaban que a gandería e o consumo de carne contribuía a acentuar o avance do cambio climático. O certo é que neste punto deberíase diferenciar entre a gandería intensiva e de tipo industrial da gandería extensiva, un modelo moi extendido na comunidade galega.

Precisamente nesta mesma liña xira o proxecto LiveWell for LIFE de WWF España. Celsa Peiteado Morales, responsable do programa de Alimentos de WWF España, explica “que houbo malentendidos con respecto ao consumo de carne” e meteuse no mesmo saco a que procede de animais criados en intensivo e con métodos de tipo industrial e a daqueles que pola contra crecen en granxa en extensivo onde os animais pastan en liberdade. Dende a organización indican que a produción, distribución e consumo industrializado de alimentos é “responsable dunha parte importante das emisión de gases de efecto invernadoiro que provocan o cambio climático” e ao mesmo tempo responsable da perda de biodiversidade e a destrución dos ecosistemas (a deforestación dos bosques tropicais que son substiuídos por cultivos en intensivo como a soia, para alimentar o gando das granxas industriais). Pola banda contraria está o modelo totalmente diferente, a dos rabaños nos campos. Neste senso Celsa Peiteado explica que o gando en liberdade “contribúe na loita contra o cambio climático porque son eses pastos onde máis CO2 se acumula no terreo”. Entre outros motivos, é por iso que este modelo de produción sostible non pode desaparecer.

 

Menos carne pero de maior calidade

Tendo en conta o anteriormente exposto e seguindo as recomendacións da estratexia “Da granxa á mesa” promovida pola Unión Europea, o axeitado para preservar o medio e para facer fronte ao cambio climático é comer menos carne, pero a que consumamos sexa de calidade e procedente da gandería extensiva.

O modelo alimentario que teríamos que seguir é o saudable e adaptalo iso si a cada zona e a cada individuo. E a carne de calidade producida en ganderías extensivas tamén pode formar parte desa dieta saudable que aporte os nutrientes (macro e micro) que precisa casa persoa, que sexa equilibrada, asequible e adaptada ás necesidades de cada un.

Deste xeito podemos contribuír á redución dos GEI e  facer fronte ao cambio climático apostando por alimentos de calidade e de proximidade, así como tamén de produtos de temporada pois favorecen ao medio ambiente xa que reduce a pegada de carbono e promove á vez o desenvolvemento rural e aos produtores locais.

Mudar as costumes alimentarias permítenos reducir o impacto sobre o medio e ao mesmo tempo contribuímos a ter unha vida máis saudable. Levar una dieta sostible supón que cada persoa teña presente o impacto que a nosa alimentación ten sobre o Planeta. Segundo WWF España “se todo o mundo vivise como un europeo, precisaríamos o equivalente a 2,8 planetas e esgotaríanse os recursos”.  Na Unión Europea, case un terzo das emisións están relacionadas coa alimentación, na súa meirande parte baseada no consumo de produtos de gandería e agricultura intensivas e industrializadas. Por iso é preciso buscar fórmulas de alimentación que respete ao medio ambiente como as marcadas pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO) e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Volver arriba