Saltear al contenido principal
Máis De 1.000 Persoas E 26 Entidades Participaron Na X Limpeza Simultánea De Praias Organizada Por ADEGA

Máis de 1.000 persoas e 26 entidades participaron na X Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA

Durante a pasada fin de semana, os días 15 e 16 de outubro, arredor de 26 entidades e máis de 1000 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño na décima edición da Limpeza Simultánea de Praias. Trátase dunha iniciativa promovida pola a Asociación Ecolóxica de Galiza (ADEGA). O tempo, malia non acompañar, non foi un impedimento para as persoas voluntarias. Diferentes areais das costas galegas foron limpados para visibilizar a problemática do lixo mariño e concienciar á cidadanía. Cabe destacar que algunha das actividades adiáronse para próximos días como a Limpeza no concello de Muros; e no concello de Fene AETNA realizará a limpeza o próximo domingo 24 de outubro.

 

Foron chamados a participar na limpeza de praias os centros de ensino, as escolas de surf, os centros de mergullo, os clubes de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. Entre o lixo atopado nos areais galegos teñen moita presenza as cabichas,  os pauciños de limpar os ouvidos e restos de plástico e bateas. Porén, nalgunhas praias aparecen residuos algo máis chamativos como botas de pescador, unha viga de aceiro, cadeiras de praia e incluso roupa esquecida. Con este tipo de accións, ADEGA pretende dar a coñecer esta problemática despois da temporada de turistas, a importancia de conservar limpas a nosas praias e evitar que así o lixo acabe no mar.

 

ADEGA quere resalta que as limpezas de praias non deben ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do litoral sempre que poida. “As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita”, explica a organización. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é “crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten”. ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en todas as limpezas.

Volver arriba