Saltear al contenido principal
Greenpeace Pide A Ence Que Planifique O Peche Da Celulosa En Lourizán

Greenpeace pide a Ence que planifique o peche da celulosa en Lourizán

O 15 de xullo a Audiencia Nacional ditaba sentenza a favor de Greenpeace e anulaba a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016. A prórroga sustentábase na reforma da Lei de Costas que fixo o naquel momento ministro de Medio Ambiente Arias Cañete e que a propia organización ecoloxista rexeitou por favorecer intereses privados na investigación Amnistía á destrución. Deste xeito, para Greenpeace “ábrese a porta para que Ence abandone o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra, como veu reclamando desde a década de 1990, ao considerar a actividade de Ence incompatible coa súa presenza no litoral pontevedrés”. 

 

Eva Saldaña, Directora Executiva de Greenpeace España, afirma que “valoramos o fallo como unha fabulosa nova non só para o medio ambiente galego e peninsular, senón para todas aquelas persoas e organizacións que defendemos que os intereses políticos e económicos nunca deben pasar por riba do ben común e a protección da natureza. Ademais, confía en que “se acabe confirmando en sentenza firme no Tribunal Supremo e se poida emprender a recuperación da marisma de Lourizán para o noso patrimonio natural”. 

 

A organización ecoloxista analizou o texto da sentenza valorándoa de xeito moi satisfactorio, ao estar claramente fundamentada e ter coherencia. Na súa análise salientou as seguintes consideracións: 

 

  • A Sentenza estima a demanda de Greenpeace con independencia do achantamento da Avogacía do Estado formalizado en 2019. 

 

  • A Sentenza dedica o fundamento de dereito cuarto a admitir a lexitimidade de Greenpeace para actuar na defensa do medio ambiente e, neste caso concreto, do dominio público terrestre. 

 

  • A Sentenza fundamentou a interpretación da prórroga das concesións non só noutras sentenzas da Audiencia Nacional senón tamén na Sentenza do Tribunal Constitucional e noutras do Tribunal Supremo.

 

  • A Sentenza cita a do Tribunal Supremo do 16 de febreiro de 2017, salientando a prevalencia da defensa e protección do dominio público fronte aos intereses económicos da empresa.

 

  • A Sentenza analiza e valora a proba pericial achegada por Ence, que lle leva a concluír que a papeleira non necesita ocupar o dominio público marítimo terrestre.

 

  • A Sentenza é clara e contundente nos seus fundamentos e deixa ver a claridade da súa posición ao respecto da improcedencia da prórroga da concesión. 

 

Greenpeace estima que, no caso de que a sentenza sexa firme despois do anunciado recurso da empresa pasteira no Tribunal Supremo, pode ser moi salientable para outros casos nos que actividades lesivas que pola súa natureza non teñen porque estar en dominio público deixen de ocupar o mesmo. Segundo Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, “hai actividades que segundo a Lei de Costas non poden estar en dominio púnlico, iso deixa claro a lei e o fallo da Audiencia Nacional”. Ademais, engade que Ence tivo moito tempo para un posible traslado e protexer de xeito efectivo os empregos, pero non quixo, preferindo empregar outras tácticas cando menos discutibles.

 

Para rematar, Greenpeace afirma que o que urxe agora é que Ence sexa por fin realista e comece a planificar o peche en Lourizán o máis rápido posible, independentemente de que se poida trasladar a outro lugar ou non. Á vez, a organización interpelará á Xunta e o Goberno de Estado para que comecen a facer os estudos pertinentes e recuperar a marisma de Lourizán para o patrimonio natural galego, restaurando a desfeita xerada nos últimos 60 anos.

Volver arriba