Saltear al contenido principal
Galicia, Segunda Comunidade Que Máis Contribúe á Crise Climática Coa Súa Gandaría Industrial, Segundo Un Informe De Greenpeace

Galicia, segunda comunidade que máis contribúe á crise climática coa súa gandaría industrial, segundo un informe de Greenpeace

Galicia caracterízase por ser a comunidade autónoma con maior produción de alimentos de orixe animal, cun total de 3.486.210 toneladas en 2019, en particular pola súa produción láctea, a maior do Estado español (3.039.270 toneladas). Tamén é a comunidade autónoma co maior censo de aves, con 107.836.969, un 22% do total estatal, e a segunda en gando vacún, con 939.125 cabezas, un 14,2% do total estatal. Esta enorme produción gandeira ten consecuencias ambientais e quedan claras ao ser Galicia a segunda comunidade autónoma con maior xeración de gases de efecto invernadoiro provocadas pola gandaría (12% do total).

Outro grave problema que ocasiona a gandaría industrial é a contaminación da auga por nitratos e Galicia é a comunidade onde máis medrou esta contaminación nos últimos anos, un 201%, é dicir, a súa contaminación multiplicouse por 4. A pesares disto, e ás chamadas de atención da Comisión Europea, que se fai visíbel co caso paradigmático do encoro das Conchas, segue a ser das poucas comunidades autónomas que non declarou nin unha soa hectárea como Zona Vulnerable aos Nitratos.

No marco da Semana de Acción contra a Gandaría Industrial que Greenpeace celebra estes días, a organización  lanzou o seu novo informe Macrogranxas, veleno para a España rural. Efectos ambientais da gandaría industrial, no que desvela a expansión descontrolada da gandaría industrial no Estado e o seu enorme impacto ambiental.

Entre as principais conclusións do informe hai que salientar os máis de 910 millóns de animais sacrificados en 2020 en España ou que no período de 2016-2020 a produción de carne medrou un 16,2%, acadando un total de 7,5 millóns de toneladas en 2020. A produción de alimentos de orixe animal derivada desta gran cabana gandeira está a ter efectos nefastos para o medio ambiente, algo que a análise de Greenpeace deixa claro.

Este luns a Comisión Europea publicou o seu informe de seguimento da Directiva de Nitratos e volveu insistir na gravidade da situación e remarcar que é necesario “facer máis contra a contaminación por nitratos” xa que na última década avanzouse máis ben pouco. A Comisión sinala claramente á gandaría como a principal responsábel desta contaminación xa que “é responsábel do 81% das achegas de nitróxeno agrícola aos sistemas acuáticos”. No informe volve chamar a atención de España, incluíndoa entre o grupo de países que se enfrontan aos maiores desafíos para solucionar este problema. Segundo este informe, España ten “un problema sistémico para xestionar a contaminación por nutrientes procedentes da agricultura” e debe “adoptar con urxencia medidas adicionais para acadar os obxectivos da Directiva”.

O Grupo Coren foi un gran motor económico de Galicia, mais tamén o maior impulsor do modelo de gandaría industrial que coloca a Galicia á cabeza das comunidades autónomas con maior responsabilidade na emisión de gases de efecto invernadoiro provocada pola gandaría. Coren debe deixar de agachar a cabeza debaixo da terra, asumir as súas responsabilidades e promover a necesaria e urxente transformación cara a un modelo agroalimentario que non esnaquice ao planeta”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Demandas de Greenpeace

A organización incluíu no seu informe as seguintes demandas para pór fin á gandaría industrial e as súas consecuencias ambientais:

  • Pór en marcha unha moratoria estatal e/ou moratorias rexionais á gandaría industrial de cando menos cinco anos: nin explotacións novas nin ampliacións das existentes
  • Reducir gradualmente a cabana gandeira en intensivo até acadar un 50% menos en 2030
  • Adopción dunha nova regulamentación de nitratos que permita reducir polo menos un 50% as emisións de nitróxeno para 2027, tendo como referencia o ano 1996
  • Establecer unha carga gandeira máxima de 1,5 UGM (unidades de gando maior) por hectárea a nivel provincial
  • Establecemento dun imposto en orixe ás emisións contaminantes da gandaría industrial (gases de efecto invernadoiro, nitróxeno, amoníaco…)
  • Prohibir a publicidade de produtos alimentarios insostíbeis, como os procedentes da gandaría industrial, e insáns como as carnes procesadas e vermellas

 

Mañá, 15 de outubro, terán lugar mobilizacións rexionais contra a gandaría industrial en cando menos 50 localidades do Estado. En Galicia as mobilizacións serán na Coruña e Ourense e chamarán a atención sobre a gravísima situación que a gandaría industrial está a provocar en moitas comarcas galegas, entre elas A Limia, como  denunciou Greenpeace no seu informe: “Coren contra Manuel. Un caso de SLAPP no agro galego”.

Volver arriba