Saltear al contenido principal
Entidades Galegas Piden Transparencia á Consellería De Medio Ambiente Sobre Os Proxectos Presentados Aos Fondos Europeos €Next Generation”

Entidades galegas piden transparencia á Consellería de Medio Ambiente sobre os proxectos presentados aos fondos europeos “Next Generation”

A mediados do pasado mes de febreiro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciaba a presentación de 10 proxectos en materia de biodiversidade para optar a un máximo de 122 millóns de euros de fondos europeos destinados a facilitar a recuperación económica, o chamado “Next Generation”.

Ante esta presentación, sete entidades de conservación da natureza galegas solicítanlle á Consellería máis información e maior transparencia sobre esta decena de propostas, pois explican, foron anunciadas “de forma moi superficial e sen ningunha concreción unha serie de actuacións que entendemos necesitan ser explicadas e abertas á participación da sociedade civil “. Os fondos “Next Generation” son para Galicia unha gran oportunidade para mellorar o estado de conservación do noso medio natural. De aí, que as entidades piden que estes fondos deben adaptarse “ás necesidades reais que son moitas en materia de biodiversidade”, indican.

“Next Generation”

Un financiamento vido de Europa que debe ter como obxecto a conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, máis ainda, cando estas zonas sexan espazos protexidos, pertenzan á Rede Natura ou afecte a especies baixo algún plan de recuperación aprobados ou pendentes de aprobación, “sen esquecer a necesidade de incrementar a superficie de espazos protexidos” lembran as organizacións (ADEGA, Asociación Amigos da Terra,  Asociación Galega de Custodia do Territorio,  Asociación VERDEGAIA, Grupo Naturalista Hábitat,  Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía). “Non debería contemplarse a utilización destes fondos para actuacións sobre as infraestruturas nin para a promoción do uso público destes espazos”, tal e como anunciaba a Consellería nalgúns dos proxectos que optarían aos fondos europeos.

 

Maior transparencia e máis espazos protexidos

Estas entidades galegas solicítanlle á Consellería información máis detallada dos 10 proxectos en materia de biodiversidade sinalados como destinatarios dos fondos de recuperación económica, amais de pedir que se abran canles de participación para a sociedade.

“Máis aló da oportunidade que poden supoñer os fondos “Next Generation”, a xestión e conservación da biodiversidade en Galicia está estancada dende fai anos”. Explican que non se están a cumprir as directrices europeas, nin as obrigas propias en materia ambiental e de conservación da natureza. Existe “un baleiro na aplicación destas políticas no territorio” engaden.

Tamén lembran que é preciso aumentar os espazos da Rede Natura 2000, que en Galicia supón menos do 12% do territorio, moi por debaixo da media estatal. “É fundamental abordar a ampliación de moitos destes espazos ou declarar novas zonas de protección para as aves (ZEPAS) e outros espazos con hábitats e especies relevantes”. Así como tamén, dotar de planificación a cada un dos espazos da Rede Natura pois “a degradación de moitos dos espazos é manifesta”, ou unha xestión adecuada das zonas húmidas ou aprobar sen máis demora plans de recuperación e conservación da maioría das especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas que seguen sen contar con uns para evitar a súa inminente desaparición, ou como no caso do oso pardo a necesidade de actualizar o seu plan de recuperación que hai tempo que quedou obsoleto.

Moito traballo en materia de biodiversidade e conservación do entorno natural de Galicia, que non pode desaproveitar a oportunidade de optar aos fondos “Next Generation” con proxectos  adecuados á realidade da situación da nosa contorna, pois o financiamento europeo convertiríase na base para comezar a traballar e poder revertir esta situación de degradación.

Volver arriba