Saltear al contenido principal
CONCELLO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS, INFRACTOR AMBIENTAL CONTUMAZ

CONCELLO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS, INFRACTOR AMBIENTAL CONTUMAZ

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil notificou a Amigos da Terra (na súa condición de entidade denunciante) a proposta de resolución do expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos realizados no meses de xullo e setembro de 2019 e xaneiro de 2020 e que foran denunciados por Amigos da Terra e pola plataforma Ríos Limpos, ademais de varios particulares.

A comunicación que o organismo fai á entidade ecoloxista está en relación ao expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polo “incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertido outorgada ao superar os limites máximos de emisión do vertido para os parámetros DQO ( demanda química de oxixeno) e deterxentes e as normas de calidade para fosfatos e deterxentes, todo elo causando danos ao dominio público hidráulico”.

Para Amigos da Terra resulta salientable que estes vertidos, producidos de xeito continuado durante os anos 2019 e 2020, ocasionaron “danos valorados en 106.251,13 €”como consecuencia dos danos producidos ao dominio público hidráulico a causa dos vertidos contaminantes de deterxentes, e unha indemnización en concepto de multa por importe de 500.000 €, tratándose ademais dunha autorización de vertido do ano 2004, xa transgredida polo concello de San Cibrao en múltiples ocasións.

Pero esta previsible multa (o expediente segue en tramitación) é so a última dunha longa lista, con máis de 10 expedientes condenatorios nos últimos 10 anos, na que destaca a sanción que se lle impuxo por un importe que superaba os 114.000 euros por uns vertidos realizados en marzo de 2010,  e en decembro de 2010  por importe de 32.832 euros, mais outras sanción de 18.700 euros no ano 2013, de 10.000 euros no 2015, e 83.000 euros no ano 2016.

Amigos da Terra demanda ademáis  “a aplicación de outro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente e poñen en serio perigo a saúde das persoas. Está claro que esta depuradora é inútil e debe de ser substituída por unha nova infraestrutura, adecuada as necesidades presentes e futuras, que garanta o adecuado tratamento das augas residuais antes do seu vertido ao rio Barbaña”.

Volver arriba