Saltear al contenido principal
Caso Eume: ADEGA-Ferrolterra Destaca A Ineficacia Da Resolución Do Expediente Sancionador De Augas De Galicia

Caso Eume: ADEGA-Ferrolterra destaca a ineficacia da resolución do expediente sancionador de Augas de Galicia

“A resolución do expediente administrativo non resolve a problemática de fondo nin evita que se volvan repetir sucesos contaminantes como o vivido no pasado mes de agosto, onde o río Eume, agua abaixo do encoro da Capela, viuse afectado por unha excesiva e preocupante turbidez das súas augas”. Así o manifestou ADEGA-Ferrolterra ao realizar a súa valoración sobre a resolución do expediente sancionador de Augas de Galicia,  por mor da contaminación do río Eume sufrida o pasado mes de agosto en pleno Parque Natural Fragas do Eume, pola neglixencia de Endesa na xestión do encoro da Capela.

 

Segundo ADEGA: “Isto impediu que as poboacións da contorna puidesen consumir auga da billa, ademais de poñer en risco a saúde da poboación local e da flora e fauna dun espazo natural protexido como o Parque Natural Fragas do Eume”. Ademais, ADEGA-Ferrolterra advirte que esta resolución tampouco investiga a fondo as causas que provocaron esta situación ou se existen motivos que poidan derivar nunha causa penal. “Augas de Galicia tampouco clarexa se Endesa está a cumprir as obrigas e condicionamentos do proxecto para modernización das válvulas do encoro aprobado en 2017 precisamente para xestionar os lodos do fondo do encoro, e que á vista do acontecido, non garante a protección do río e da súa contorna fronte a contaminación”. Xa daquela, ADEGA se posicionou en contra do proxecto por estar avalando na práctica a intención da enerxética de desfacerse dos lodos do encoro botándoos río abaixo. A asociación fai referencia a que “tampouco se determinan as accións e medidas que debería tomar Endesa para que o río Eume e o Parque Natural non teñan que sufrir novos sucesos de contaminación por mor do mal estado e a mala xestión do encoro da Capela”.

 

A asociación declara que é de xustiza que Endesa teña que afrontar unha multa económica e os gastos ocasionados pola súa neglixencia, máis tamén considera que “esta multa non compensa todo o impacto que Endesa e o encoro da Capela tañen exercido nos últimos 50 anos sobre o río e sobre este espazo natural protexido”. ADEGA-Ferrolterra expresa que Augas de Galicia debe obrigar a Endesa a retirar os lodos do encoro dun xeito ambientalmente apropiado e a tratalos en terra, “evitando dunha vez por todas os recorrentes episodios de contaminación que sofre o río Eume e preservando o máximo posible o estado natural do río e das fragas, o espazo con maior diversidade e valor ambiental deste único e marabilloso bosque atlántico”. Malia todo, conclúe que xa é momento de declarar caduca a concesión franquista e liberar o Eume de medio século de contaminación incesante.

Volver arriba