Saltear al contenido principal
ADEGA Organiza O Sábado 18 Un Encontro Sobre A Sustentabilidade Na Xestión Do Monte No Sobreiral Do Arnego

ADEGA organiza o sábado 18 un encontro sobre a sustentabilidade na xestión do monte no Sobreiral do Arnego

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organiza o sábado 18 de decembro un encontro subvencionado pola Deputación de Pontevedra baixo as axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais. O encontro, que tamén conta co apoio do concello de Agolada, ten por título “Xestión sustentábel do monte: caso do Sobreiral do Arnego. Dos vellos usos ás novas estratexias de conservación”. Terá lugar na Casa da Cultura de Agolada e será en sesión de mañá e tarde.

 

Pola mañá, ás 10:00 horas, haberá unha mesa redonda na que se debatirá sobre os usos e posibilidades do monte dende diversos puntos de vista, poñendo por caso tamén o Sobreiral do Arnego. Ás 11:00 horas, Jesús de La Fuente (Enxeñeiro de montes) introducirá as ponencias conectando as funcións do monte cos bens e servizos ecosistémicos que producen e que se poden aproveitar. Media hora despois, ás 11:·00, o encontro contará con Cristina Gende, tamén exeñeira de montes. Gende realizou o Estudo dos sobreirais para a Comarca do Deza, polo que é coñecedora dos Sobreirais do Arnego e da súa xestión de usos.

 

Despois do descanso, Remsés Pérez, coordinador de educación ambiental de ADEGA, falará sobre as novas estratexias de conservación. Fará especial fincapé na custodia do territorio, ferramenta de conservación que implica á cidadanía na conservación do noso patrimonio natural e cultural. A sesión de mañá rematará coa intervención de Paco Bañobre, tamén educador ambiental de ADEGA. Expoñerá as principais liñas de actuación ambientais desenvolvidas na parcela custodiada durante os últimos anos.

 

Na sesión de tarde, realizarase unha visita guiada ao Sobreiral de Arnego, actividade na que a asociación ecoloxista, xunto co biólogo Cosme Damián Romay, dará a coñecer as actuacións a desenvolver e destacará os valores ecolóxicos e usos culturais da saca da cortiza. Durante a ruta recolleranse landras de sobreiras para facer un pequeno viveiro con que despois repoboar as árbores que morran afectadas polo fundo Stereum hirsutum.

 

O programa de encontro detallado é o seguinte:

 

Sesión de mañá:

 

  • 10:30 horas. Presentación do encontro.
  • 11:00 horas. Monte multifuncional e necesidades rurais (Jesús de la Fuente).
  • 11:30 horas. O Sobreiral do Arnego (Cristina Gende).
  • 12:30 horas. Descanso.
  • 13:30 horas. A custodia do territorio como ferramenta de conservación (Ramsés Pérez).
  • 14:00 horas. Actucións de conservación ambiental (Paco Bañobre).

 

Sesión de tarde:

 

  • 16:00 horas. Visita ao Sobreiral do Arnego.
  • 18:00 horas. Recollida de landras.
  • 18:30 horas. Remate do encontro.

 

A participación en ambas sesións é gratuíta, mais precisa inscrición. Pódese contactar mediante o enderezo electrónico pacobanhobre@adega.gal ou o teléfono 616 23 80 50.

 

 ADEGA e A Zarra da Pena

 

Dende marzo de 1026, ADEGA ten un acordo de custodia do territorio coa familia propietaria da parcela coñecida como A Zarra da Pena. Nela, levan realizándose dende esa data actuacións de divulgación e conservación dos seus valores naturais tales como: eliminación de especies exóticas invasoras, seguimento de morcegos, recuperación de valados ou creación dunha ruta coa instalación de panelería informativa.

Volver arriba