Saltear al contenido principal
ADEGA Advirte Que Galicia Fica Máis Desprotexida Que Dez Anos Despois Da Frustrada Ampliación Da Rede Natura 2000

ADEGA advirte que Galicia fica máis desprotexida que dez anos despois da frustrada ampliación da Rede Natura 2000

Coincidindo co décimo aniversario da exposición pública da derradeira proposta de ampliación da Rede Natura 2000, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alerta de que hoxe en día o territorio galego se atopa máis desprotexido que naquel momento. Ademais, destaca que ten “menos garantías de poder acadar o obrigado obxectivo comunitario de conservación, por mor dun desenvolvemento industrial caótico e desordenado de sectores como o eólico e o forestal”.

 

O 22 de decembro de 2011, saía a exposición pública a última proposta de ampliación da Rede Natura 2000 para Galicia, un día despois de que Samuel Juárez (conselleiro do Medio Rural neses momentos) a presentara no Parlamento de Galicia. Así, deu comezo o procedemento de ampliación dos Lugares de Importancia Comunitaria da comunidade. Naquel texto que agora cumpre unha década dicíase que “a Rede Natura en Galicia atópase actualmente composta por 16 zonas de especial protección para as aves e 59 lugares de importancia comunitaria (LIC) e que, en conxunto, ocupan unha superficie comunitaria de 389.737 ha”. A lista de LIC foi considerada insuficiente pola Comisión Europea, polo que foi preciso “completar a aplicación en Galicia da Directiva 92/43/CEE”.

 

Debido a esta proposta de ampliación, a Rede Natura 2000 de Galicia pasaría a ter unha superficie total de 537.416 ha. O texto afirmaba que “é urxente iniciar os trámites para completar a Rede Natura 2000 galega, e dar así cumprimento ao mandado da Comisión”, abrindo un período de participación do público a esta proposta de amplación. Porén, logo deste período de participación, a proposta foi descartada.

 

Tras unha década daquel 22 de decembro, ADEGA fai contas da ampliación de Rede Natura 2000 prometida: “A parte terrestre da Rede Natura 2000 en Galiza está, dez anos despois, tal e como se designou orixinalmente e, paradoxalmente, máis desprotexida ca nunca”. A asociación ecoloxista advirte que a proposta de ampliación de 2011 “non era máis que unha simplificación da proposta de 2008, que supoñía a protección do 18% galego”. Ademais, comenta que, unha vez desactivada a proposta de ampliación de 2011, moitos dos espazos propostos para integrarse dentro da Rede Natura ficaron desamparados, “e foron presa fácil da especulación enerxética e forestal”. De feito, moitas das áreas propostas para a Rede Natura 2000 en 2008 e 2011 corren risco agora de ser invadidos pola actual vaga eólica, como Cordal de Montouto, Alto Mandeo, Serra da Grova e Altos de Toroña, entre outros.

 

O eucalipto segue proliferando en Rede Natura 2000

 

A organización ecoloxista destaca, de xeito paralelo, o crecemento do eucalipto na metade norte de Galicia nos últimos anos, afectando a espazos que estaban incluidos na proposta de ampliación da Rede Natura en 2008 e en 2011, como Brañas do Deo, Serra da Cova da Serpe, Alto Mera, Cabeceiras do Eo e Navia, etc. Ademais, ADEGA lembra á Xunta e á actual responsable da Consellería de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, que os obxectivos da designación dos espazos na Rede Natura son: protexer especies e hábitats; manter e restaurar ecosistemas; acadar unha agricultura e aproveitamento forestal sostible; chegar a un sistema de pesca sostible; e acadar coa perda da biodiversidade global.

 

Chegar a estes obxectivos é, segundo ADEGA, “unha obriga das administracións que teñen competencia sobre dos territorios a conservar. No caso de Galiza, isto está moi lonxe de ser real, e o non cumprir a normativa ambiental podería ter consecuencias penais”. Así, a falta de cumprimento dos obxectivos ambientais marcados pola UE por parte da Xunte é un dos obxectivos que impulsa á asociación a demandar de xeito insistente moratorias reais e efectivas para as novas plantacións de eucaliptos e a implantación de novos proxectos eólicos. ADEGA conclúe que estes sectores están a proliferar de xeito caótico e descontrolado, nun territorio carente de ordenación que pon en risco ecosistemas, hábitats e especies de interese comunitario e de especial valor e que xa deberían formar parte da Rede Natura 2000 galega.

Volver arriba