Saltear al contenido principal
A Xunta Tramita Un Permiso De Vertedura Caduco E Sen Estudo De Impacto Da Mineira De San Fins

A Xunta tramita un permiso de vertedura caduco e sen estudo de impacto da mineira de San Fins

A mineira de San Fins, despois de intentalo en 2016, pretende verter de novo millóns de metros cúbicos de augas contaminadas á ría de Noia. Según a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), “o estrano é que a Xunta siga a tramitar un procedemento  caduco que permitiría á empresa reabrir unha mina sen estudo de impacto”. Dende a asociación, reclama a Augas de Galicia que arquive esta solicitude ou emita solución denegatoria, de xeito que “non acabe branqueando os incumprimentos da empresa e sendo cómplice dos manexos das mineiras”.

 

O procedemento de solicitude de vertedura foi iniciado por Tungsten San Fins en 2016 coa idea de baleirar as augas residuais mineiras que ateigaban as galerías abandoadas. Nese momento, a oposición social e as denuncias ecoloxistas deron lugar a que Augas de Galicia non resolvese a autorización, resultando desestimado o procedemento. Porén, agora a mineira volve cun “proxecto refundido” para verter novamente as augas da mina, “que sorpresivamente Augas de Galicia tramita como o mesmo expediente”. A organización ecoloxista ADEGA indica que, “logo de máis de 4 anos do remate do prazo de resilución que fixa o regulamento hidráulico sen que Augas se pronunciara expresamente, o procedemento ficou caduco”.

 

Mentres o proxecto de solicitude atopábase en información pública, a organización ecoloxista revela que a mineira presentou outro proxecto para “axeitar” a canle do rego que drena a explotación e restaurar o dominio público afectado polas actividades mineiras. Para ADEGA, esta adecuación ten a intención de substituír ao proxecto definitivo de abandono e clausura dunha instalación de residuos mineros, “trámite alleo ás competencias da administración hidráulica”.

 

Así, ADEGA resalta que hai dúas actuacións relacionadas: a adecuación do rego e o permiso de vertedura, “para as que se precisaría unha avaliación de impacto ambiental, preséntanse por separado sen este trámite para facilitar a súa aprobación”. En ningún destes documentos da solicitude de vertedura de máis de 1 millón de metros cúbicos á ría de Noia se fai referencia á presenza de apenas 6 quilómetros augas abaixo do esteiro do Tambre, espazo da Rede Natura 2000, nin á riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Noia, que sustenta a centos de familias.

Volver arriba