Saltear al contenido principal
A Fundación Renovables Reclama A Planificación, A Ordenación E A Diversificación Da Implantación De Enerxías Renovables No Territorio

A Fundación Renovables reclama a planificación, a ordenación e a diversificación da implantación de enerxías renovables no territorio

Un estudo da Fundación Renovables constata a necesidade de atopar o equilibrio entre as instalacións centralizadas e a xeración distribuída e o autoconsumo, facendo fincapé na necesidade de respectar o valor ambiental, favorecer a diversificación de axentes e facer partícipes aos municipios na transición enerxética. A Fundación Renovables, creada co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de levar a cabo un cambio de modelo enerxético, publicou un informe no que se resumen as reflexións expostas na reunión do seu Consello Asesor, “Territorio y renovables. El desarrollo de las grandes plantas bajo criterios de inclusión territorial”. Este documento trata sobre a problemática situación actual da expansión das instalacións de xeración renovable no territorio español.

 

Segundo a Fundación, a primeira destas reflexións leva a unha conclusión básica: crear pautas claras para obter un modelo de ordenación do territorio. “Co probable aumento do abandono das actividades agraria e gandeira nas zonas de amplo desenvolvemento das renovables, con tamaños de plantas moi grandes, é necesario diversificar os axentes enerxéticos, cunha maior implantación de xeración distribuída que potenciaría o emprego local e as economías familiares e mantería o desenvolvemento destas actividades”. Para obter estes beneficios, a Fundación Renovables considera que “é absolutamente necesario a inclusión de obxectivos sectorizados e cuantificables de autoconsumo e comunidades enerxéticas tanto no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) como na futura Estratexia Nacional de Autoconsumo”. Ademais, declara que é imprescindible crear unha zonificación socioeconómica como unha ferramenta para mellorar a percepción das renovables e evitar conflitos de oposición aos grandes proxectos.

 

Doutra banda, a Fundación expresa a necesidade de “dotar aos procedementos de avaliación de impacto ambiental de características participativas e transparentes, cunha ampla base social, que determinen o desenvolvemento e os elementos de control a revisar por unha administración potenciada”. Así, explica que deben incluír todo tipo de variables, analizando os impactos económicos, sociais e culturais e propoñendo alternativas que melloren as consecuencias da implantación. “Conxuntamente, dentro do marco da economía circular, é importante obrigar a rfeciclar e recuperar todos os materiais ao finalizar a súa vida útil, devolvendo o terreo ao seu estado orixinal con medidas de restauración e conservación”.

 

Ademais, a Fundación declara que moitos dos criterios xa veñen determinados polas Directivas Europeas, polo que a súa transposición ao regulamento español debe ser inmediato. “A incorporación das figuras das comunidades de enerxía pode vencer as resistencias, ao distribuír os seus beneficios de maneira local á cidadanía implicada”. Respecto á lexislación nacional, a Fundación Renovables comenta que “as modificacións regulatorias deberían incorporar as externalidades non incluídas no prezo das grandes plantas, como é o caso da rede de transporte”. Pola súa parte, a nivel rexional e local, expresa que “é fundamental reforzar as capacidades técnicas das entidades locais para mellorar a súa estratexia enerxética, coñecendo os beneficios e os prexuízos de cada tecnoloxía”.

 

Un dos puntos que destaca a Fundación é que “as redes de transporte non son infinitas, teñen unha capacidade limitada e, pola metodoloxía de retribución, son de todos e todas, polo que alí onde se instale masivamente podería provocarse a exclusión ao acceso de pequenas iniciativas locais, distribuídas e con valor social”. Polo tanto, afirma que é recomendable traballar para incrementar o factor de capacidade en redes de media e alta tensión, priorizando a hibridación e o almacenamento. Ademais, advirte que hai que modificar a normativa do cálculo de acceso para dar prioridade a instalacións de pequena xeración e avanzar na dixitalización para dotala de maior flexibilidade ante o aumento da interacción entre os consumidores coa rede de baixa e media tensión.

 

Por último, a Fundación conclúe que a difusión dunha información veraz que contemple os beneficios e as oportunidades que a transición enerxética ofrece a toda a cidadanía, permitirá limar as tensións e suavizalas. “Algúns destes beneficios pódense conseguir co establecemento dunha metodoloxía de concentración parcelaria, á que se poidan acoller os agricultores e que os emprazamentos non diminúan a produción agrícola”. Ademais, asevera que o establecemento de prácticas de autoconsumo compartido, de asembleas locais para elixir os emprazamentos das instalacións ou unha aproximación sectorizada aos territorios “supoñerán unha maior inclusión e aceptación cidadá das enerxías renovables e comezar, por fin, a democratizar a enerxía”.

Volver arriba