Saltear al contenido principal
A Coordinadora “Eólica Así Non” Convoca Mobilizacións Mañá Sábado Con Motivo Do Día Internacional Das Montañas

A Coordinadora “Eólica así non” convoca mobilizacións mañá sábado con motivo do Día Internacional das Montañas

A Coordinadora “Eólica así non” convoca á sociedade galega a unha grande mobilización fronte a actual vaga eólica mañá sábado, 11 de decembro, que se celebrará en toda Galicia con motivo do Día Internacional das Montañas. Os obxectivos principais son “reivindicar a defensa das montañas galegas fronte a invasión eólica, reclamar unha vez máis unha moratoria eólica real e efectiva de todos os proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica máis xusta, sustentábel e respectuosa co medio e coas persoas que viven no rural, fundamentada nun modelo enerxético diferente que non poña en risco o futuro do noso territorio”. A Coordinadora anuncia que nesta volta os actos serán descentralizados, acollendo a máis dunha vintena de concentracións e varias marchas reivindicativas repartidas por todo o territorio.

 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que forma parte dos 170 colectivos que apoian á Corrdinadora “Eólica, así non”, destaca que as montañas galegas “son as principais vítimas desta aloucada e caótica vaga eólica que estamos a vivir”. Polo tanto, o lema baixo o que se mobilizará a sociedade galega neste caso será: “Na defensa das montañas, eólica así non”. ADEGA lembra que as montañas son a nosa principal fonte de alimento e auga, ademais de ser verdadeiros santuarios de biodiversidade “dos que non podemos prescindir para afrontar o reto climático”. Ademais, tamén son “o fogar dunha grande parte da poboación galega asoballada por estes proxectos eólicos e habitualmente esquecida polas administracións públicas”.

 

A Coordinadora pretende loitar contra “un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado”. Polo tanto, reclama a derrogación do plan eólico e das leis de depredación, á vez que pide unha nova planificación enerxética na que se conte coa cidadanía, coa preservación dos recursos naturais e coa biodiversidade. As entidades convocantes declaran a favor das enerxías renovables, mais rexeitan o actual modelo de implantación eólica. Pretenden así “botar un pulso” de novo ás administracións públicas para pedir a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación ata que non haxa unha nova planificación eólica.

 

As mobilizacións están previstas en 22 localidades galegas: A Lama, Becerreá, Membibre, Cerdedo, Chantada, Coristanco, Foz, Laza, Lugo, Mazaricos, Ferrol, Pontevedra, Castro Caldelas, Seoane do Courel, Vila de Cruces, Antas de Ulla, Carral, Meira, Vilalba, Gondomar, Marín e Bueu. A asociación ecoloxista pide á cidadanía acodir á concentración reivindicativa que teña máis próxima para pedir unha “moratoria eólica definitiva, real e eficiente”.

 

 O BNG pide frear os proxectos eólicos nas comarcas do Val Miñor e Baixo Miño

 

O “clamor social” contra os proxectos eólicos nas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño xa chega ao Parlamento de Galicia. O BNG presentará unha iniciativa ante a cámara galega para que a Xunta poña freo a estas iniciativas (sete en tramitación nestes momentos) que se programan sobre as serras de A Groba, O Galiñeiro e os montes Aloia e de A Valga. Luis Bará, deputado do BNG no parlamento galego, asegurou durante un acto en Oia que “estamos falando dun conxunto de serras de Galicia que teñen un gran valor natural, patrimonial, cultural e social, un auténtico tesouro ambiental”.

 

Volver arriba