skip to Main Content
En Perigo Un Espazo Natural Protexido Polas Obras Do Parque éolico Da Serra De Oribio

En perigo un espazo natural protexido polas obras do parque éolico da Serra de Oribio

A Asociación para a Defensa Excoloxista de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) solicítanlle á Xunta de Galicia que “paralice de forma inmediata e cautelarmente” as obras que se están a levar a cabo nun dos espazos máis emblemáticos do Caurel, o cumio da Serra de Oribio. Segundo indican as dúas entidades, estas obras corresponden nun principio ao do Parque Eólico Serra do Oribio e de ser así, a empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L., estaría actuando de forma ilegal e sen ter en conta as singularidades das zonas protexidas dentro da Rede Natura 2000.

ADEGA e SGO denuncian ante a Consellería de Industria, que Fergo Galicia Vento está a desenvolver as obras cunha Declaración de Impacto Ambiental caduca sobre un espazo natural protexido. A área afectada engaden, trátase dunha Zona Especial de Conservación da ZEC Ancares – Courel, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e polo tanto, zona da Rede Natura 2000. Tendo en conta o Plan Director da Rede Natura, cómpre lembrar que nestas áreas non está permitida a construcción de parques eólicos, agás a repotenciación dos xa existentes. Ademais, os terreos tamén están considerados “área potencial” no esbozo do Plano de Recuperación do Oso Pardo cantábrico e zona incluída na Reserva da Bioesfera Ribeira Sacra – Serra do Oribio.

Obras na Serra de Oribio

Amais, Adega e SGO, acusan de que as obras xa destruíron parte do Camiño Real que percorre a cima do monte e que une Vilafranca do Bierzo e Monforte. Explican que tamén “están a poñer en risco outros bens patrimoniais inventariados”, como poden ser a mámoa de Fial ou as antigas Ventas da Braña, do Retorno ou o Portazgo do Oribio.

 

15 anos de tramitacións opacas

O proxecto eólico na Serra do Oribio que comezou cos trámites en xaneiro de 2004, vénse de retomar despois dun longo período de parálise. Dende que no 2005 se aprobáse a súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), non houbo máis progresos na súa tramitación, ata que en outubro de 2018, trece anos despois, Fergo Galicia Vento S.L., recupera o proxecto solicitando á Consellería de Industria a modificación das súas características.

ADEGA e a SGO entenden que a autorización ambiental emitida en 2005 caducou e daquela non estaba designada a Rede Natura 2000 (abril de 2004), nin existía Plano Director (marzo de 2014), nin estaba en vigor o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (abril de 2007). Ante esta situación, as dúas entidades entenden que a empresa promtora debería ter presentado un novo Estudo de Impacto Ambiental no momento que retoman o curso do proxecto no 2018, cousa que non se produciu.

ADEGA xa advertiu destes feitos ao Seprona e ás Consellarías de Medio Ambiente e de Cultura para que “comproben as obras e dispoñan das medidas oportunas comezando pola paralización cautelar inmediata das mesmas”.

Back To Top