Saltear al contenido principal
En Galicia O 12% Do Territorio Sofre Risco De Desertificación

En Galicia o 12% do territorio sofre risco de desertificación

Neste luns 17 de xuño, celébrase o Día Mundial da Loita contra a Desertificación e a Seca, e aínda que haxa a falsa idea de que non é un problema que afecte a Galicia, a situación é outra.

Segundo o Inventario Nacional de erosión de Solos (INES), na comunidade galega pérdense cada ano máis de 41 millóns de toneladas de solo debido a erosión. Ademais, se temos en conta o actual contexto de cambio climático, o 12% do territorio galego sofre risco de desertificación provocado por esa erosión do solo. A perda da cobertura vexetal (polos incendios, monocultivos, a agricultura e gandería intensiva, as explotacións domésticas, a ocupación do litoral e en xeral os cambios nos usos do solo) unida aos períodos de seca provocan que a erosión e a desertificación fagan acto de presencia en Galicia.

Unha das causas principais da perda da cobertura vexetal na comuniade, son os incendios forestais. Galicia, presenta de media uns 6.000 incendios forestais anuais nas últimas dúas décadas. Concéntrase así no territorio galego o 50% do total dos lumes que teñen lugar en España, sendo Ourense o máis afectado seguido de Pontevedra.

Coa chegada das chuvias unida coa acción dos ventos durante os temporais, o solo debilitado polos incendios sofre un proceso de escorrenta e provoca a perda do substrato superficial rico en nutrientes e en sementes.

É o noso deber coidar e protexer os solos

Os solos albergan unha cuarta parte da biodiversidade do planeta e son a base para a produción de alimentos saudables, e é capaz tamén de almacenar e filtrar a auga. Ademais, o solo é, despois dos océanos, o segundo sumidoiro de carbono polo seu importante papel nos ciclos bioxeoquímicos.

En Galicia, a conservación e a protección dos bosques autóctonos, a loita contra os incendios forestais e o fin da cultura do lume, a reforestación con especies non invasoras das zonas queimadas, xunto cunha ordenación territorial efectiva e sostible ou a correcta xestión da auga deberían ser uns dos principais piares de acción contra os procesos de erosión e desertificación. Está nas mans das entidades públicas galegas pero tamén nas nosas como cidadáns, protexer os espazos naturais a garantir a conservación do patrimonio natural para evitar a perda do solo e o aumento do risco de desertificación.

Volver arriba