skip to Main Content
Ecoloxistas En Acción Denuncia A Falta De Transparencia Da Xunta Na Autorización De Proxectos Mineiros

Ecoloxistas en Acción denuncia a falta de transparencia da Xunta na autorización de proxectos mineiros

Ecoloxistas en Acción Galiza pon en marcha a campaña “Algo se Esconde” para denunciar a falta de transparencia da Xunta de Galicia na autorización de proxectos mineiros altamente contaminantes por todo o país. Segundo a confederación, nos últimos anos, a Xunta aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública. “Estes feitos deron lugar a numerosas denuncias xudiciais e queixas ante a Valedora do Pobo e outros organismos, amosando graves irregularidades, como no caso da mina de Touro, na que participa un dos maiores contratistas da Xunta de Galicia”, engade Ecoloxistas en Acción. A mineira acaba de anunciar a presentación dun novo proxecto neste concello, a pesar da contaminación ambiental continuada, a oposición veciñal e os informes negativos tanto de Patrimonio como de Augas de Galicia.

 

Segundo Cristóbal López, representante de Ecoloxistas en Acción, “estes casos de ocultación de información á veciñanza e ás organizacións ecoloxistas non son illados: é un modus operandi da Xunta de Galicia. A institución agocha expedientes, nega información sobre procesos en marcha e rexeita que as entidades que velamos polo medio ambiente nos personemos nos procesos que deberían ser públicos. Deste xeito, néganse os nosos dereitos fundamentais. E faise para favorecer proxectos que poñen en serio risco o medio ambiente e a saúde pública”.

 

Durante os meses de outubro e novembro, a entidade ecoloxista difundirá estes casos coa intención denunciar as malas prácticas por parte da Xunta de Galicia á hora de xestionar as concesións mineiras e alertar sobre as graves consecuencias que isto pode ter sobre a cidadanía e o medio natural. Exoloxistas en Acción destaca os seguintes casos:

 

 Mina “San Finx”

 

Abandonada en 1990 no contexto dunhas dilixencias penais por delitos ecolóxicos, esta explotación de estaño e volframio situada en Lousame reabriuse en 2009 coa aprobación de novos proxectos que non foron sometidos a avaliación de impacto ambiental nin a participación pública. Nos últimos meses a Xunta, presionada pola contratista SACYR, intenta forzar a aprobación da autorización de vertidos mentres que impide a personación de colectivos veciñais e ecoloxistas, ocultando informes sobre a necesidade de someter a actividade mineira a avaliación de impacto ambiental.

 

Proxecto mineiro “Alberta I”

 

Desde 2010 vense intentando poñer en funcionamento a que sería a primeira mina de litio en Galicia, situada sobre os concellos de Avión, Beariz, Forcarei, A Lama e Cerdedo-Cotobade. En 2013 comézase o procedemento de Determinación del Alcance del Estudio Ambiental, que nunca se finaliza. Cando en 2018 o Grupo SAMCA volta a iniciar o trámite para activar a concesión, a Xunta decide omitir o trámite de avaliación de impacto ambiental, ignorando as alegacións presentadas e negado a personación a Ecoloxistas en Acción e outros colectivos. Unha vez que o caso chegou aos tribunais, a Xunta procurou frear ilegalmente o recoñecemento da asistencia xurídica gratuíta a Ecoloxistas en Acción.

 

Mina de Touro

 

A multinacional Atalaya Mining pretende, en alianza con Explotaciones Gallegas, realizar un megaproxecto de minaría de cobre sobre máis de 122 km2 de dereitos mineiros. A súa “zona cero” sería o lugar da antiga mina de Rio Tinto, pechada nos anos 80 pero cuxos dereitos mineiros nunca foron declarados caducados. A inviabilidade do proxecto foi confirmada pola Xunta cunha DIA negativa en 2020 e unha resolución desfavorable en 2021, ante o cal a empresa voltou á carga cun novo proxecto. A pesar de ducias de visitas e centos de solicitudes á Xunta, a Administración continúa sen dar acceso á documentación dos expedientes, impedindo coñecer os detalles dos plans de restauracións e de labores. Ademais, a contaminación con metais pesados continúa mentres que a Xunta non obriga á empresa a adoptar as medidas ambientais necesarias.

 

Varilongo

 

Esta mina de estaño e volframio de Santa Comba deixou de funcionar en 1986, sen que se obrigase á concesionaria a acometer a restauración. Ao longo dos anos, sucedéronse as denuncias e procedementos penais por contaminación dos ríos. En 2009 téntase reactivar xunto coa de San Finx, e igual ca nese caso, os proxectos apróbanse sen someterse á avaliación de impacto ambiental e trámite de participación pública, a pesar de que os propios enxeñeiros da Xunta informaran sobre a necesidade deste trámite. A explotación carece de autorización de vertidos, pero continúa desaugando as labores subterráneas inxectando metais pesados no rego da Carballeira, rego da Braña Ancha e río Xallas. Para evitar os trámites ambientais, a empresa de capital australiano e Xunta pretenden avanzar coa explotación a ceo aberto coa pantalla dunha canteira de áridos existente, aspectos sobre os que a Administración se nega a informar.

 

Proxecto mineiro Corcel (Castriz)

 

Baixo a aparencia dunha empresa sueca, os mesmos inversores detrás da mina de Varilongo pretenden abrir unha mina a ceo aberto de cobre, níquel e cobalto sobre o espazo natural da Braña da Serra, un humidal con características únicas. Logo de intentar segregar unha parte dos dereitos mineiros de Varilongo para así tentar esquivar o trámite de información pública e avaliación ambiental, a empresa continúa realizando sondeos nesta zona sensíbel en ausencia de calquera plan de restauración. A Xunta ignora as denuncias impedindo a Ecoloxistas en Acción e outros coletivos a súa personación nos procedementos sancionadores que se arquivan sumariamente.

 

Penouta

 

En febreiro de 2021 iniciouse o procedemento de avaliación de impacto ambiental da mina da Penouta, explotación que pechara sen calquera restauración nos anos 80 logo do colapso do imperio de Ruiz Mateos, “Nueva Rumasa”. A pesar de que Ecoloxistas en Acción denunciou como desde a explotación se estaba contaminando con arsénico, mercurio, cadmio e chumbo os cauces fluviais do LIC Pena Trevinca e afectando as traídas de consumo humano, a Xunta ignourou as alegacións e continúa sen sancionar ao operador. En novembro de 2020 produciuse unha nova rotura dunha das presas da mina, contaminando o suministro de Auga de Viana do Bolo, mais non houbo ningunha sanción.

Back To Top