skip to Main Content
Denuncian A Falta De Xestión Da Dirección Xeral De Patrimonio Natural Na Conservación Das Illas De Os Guidoiros

Denuncian a falta de xestión da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na conservación das illas de Os Guidoiros

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e SEO Pontevedra critican a falta de “planificación apropiada e a ausencia de vixilancia” nas dúas illas pequenas próximas á Illa de Arousa, Os Guidoiros Areoso e Pedregoso. Explican que a falta de xestión por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a “condenar ás illas a un turismo insostible” que fai peligrar a conservación e protección dos seus valores naturais.

As organizacións recordan que estas dúas pequenas illas, atópanse protexidas supostamente por dúas figuras de protección no marco da Rede Natura 2000 da Unión Europea: Zona de Especial Conservación (ZEC) “Complexo Ons-O Grove” e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Complexo Intermareal Umia-O Grove”. Como espazo natural protexido a súa xestión compete á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, pero para SGO e SEO Pontevedra, ésta é incapaz de “compatibilizar un uso turístico sustentable, que por forza debe ser de baixa intensidade, coa conservación dos seus valores naturais, e por ende da súa relevancia en xacementos arqueolóxicos megalíticos”.

 

Especies ameazadas

Amais da importancia dos recursos mariños que son aproveitados pola Cofraría da Illa de Arousa, as illas de Os Guidoiros caracterízase polo aseentamento de colonias de aves mariña de importancia, moi parecidas ás que podemos atopar no Parque Natural Nacional das Illas Atlánticas.

Illas Os Guidoiros_ Foto: SGO

Illas Os Guidoiros_ Foto: SGO

Dende as dúas asociacións destacan a nidificación de varias parellas de gabita (Haematopus ostralegus), incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA, na categoría Vulnerable), que “supoñen en torno ao 20% da poboación galega e máis do 5% da existente na Península Ibérica”. Tamén aniñou recentemente a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) outra especie ameazada e cun plan de conservación vixente. Outras especies ameazadas como o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) así como o gaivotón (Larus marinus) como destacado baluarte no seu proceso colonizador das costas galegas. Esta última especie tamén cumpre os criterios da UICN e do CGEA para ser catalogada Vulnerable. Ámbolos Guidoiros manteñen tamén sendas colonias da gaivota patiamarela (Larus michahellis), en pronunciado declive en Galicia desde hai anos.

As illas están cubertas na súa totalidade por hábitats de interese comunitario como dunas e vexetación de acantilado. Destaca a do Areoso pola prevalencia de dunas fixas, hábitat de interese prioritario e onde se atopa unha das poboacións galegas dunha planta endémica de Galicia tamén ameazada (Alyssum gallaecicum), entre outras especies escasas no país.

 

Ocio e deportes acuáticos sen control ameazan as illas

SGO e SEO Pontevedra critican que durante as primeiras fin de semanas deste verán “véñense repetindo, eivas de xestión que se acumulan desde pasados anos”. Explican que a  “combinación de praias só accesibles en embarcación, sen ningín tipo de urbanización e con aguas cristalinas fan do lugar un auténtico paraíso” que conleva con elo un de turismo insostible que ameaza e degrada o entorno das illas. A esta realidade súmase amais certos comportamentos inapropiados: visitantes que non respetan o valado dunar nin as mámoas, a presencia de cans non vixiados polos donos e que causan danos nas colonias de aves mariñas, motos acuáticas que circulan a velocidades inadecuadas… entre outros.

Ante estas circunstancias e antes de proceder a denunciar á Xunta de Galicia ante a Unión Europea por incuprimento das directivas de Hábitat (92/43/CEE) e de Aves (2009/147/CE), a SGO e SEO Pontevedra pídenlle á administración autonómica que tome medidas para garantir a protección deste espazo natural. Medidas que deben pasar como mínimo pola vixilancia regular máis aínda nas épocas e primavera – verán, así como tamén a implantación de zonas de reserva para impedir o acceso de turistas ou limitalo a grupos reducidos acompañados por guías.

Back To Top