Saltear al contenido principal
Dá Comezo A II Deseucaliptización Simultánea Nuns 15 Montes Galegos

Dá comezo a II Deseucaliptización simultánea nuns 15 montes galegos

“Cousas de Raíces” inicia a segunda edición da Deseucaliptización Simultánea, na que as especies exóticas invasoras como o eucalipto, as acacias ou as mimosas, seguen a estar no seu punto de mira. Dende esta pasada fin de semana e ata o vindeiro 15 de xuño e co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, realizaránse 15 accións de eliminación para contibuír ao cambio cara un monte galego sutentable.

Nesta segunda Deseucaliptización participan 25 colectivos de carácter ecoloxista, cultural, veciñais, comunidades de montes e sociais, entre eles a Asociación en Defensa da Ecoloxía da Galiza, ADEGA. O obxectivo é “resaltar os efectos negativos” das especies exóticas invasoras nos montes galegos, como poden ser a erosión do solo, afectan aos recursos fluviais, alteran a paisaxe e favorecen os lumes forestais, son só algúns exemplos. Ademais, con esta acción, pretenden demostrar que outra “forma de xestión forestal do monte”  é posible. Unha xestión que aposte polas especies autóctonas, protexa a biodiversidade, así como tamén defenda un ordenamento real do territorio e pola diversificación das funcionalidades do monte.

15 saídas repartidas polas 4 provincias galegas

O Monte de Fornelos, no municipio coruñés de Monfero, dentro da área natural das Fragas do Eume, marcou esta fin de semana pasada o comezo deste ciclo de acción, que rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no monte da Guía. Un total de 15 saídas repartidas nas catro provincias de Galicia, estándo  de novo Pontevedra á cabeza con sete, nas que a meirande parte das actuacións consistirán en eliminar tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron logo dos lumes de outubro de 2017.  Tamén abordaránse traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como por exemplo no Parque Natural da Fragas do Eume, e nalgúns casos, as accións completaránse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

Nesta segunda convocatoria, pretenden superar as cifras que marcaron a primeira edición da Deseucaliptización, celebrada en marzo do pasado ano, na que participaron case 370 persoas e lograron eliminar 206.000 pés de especies invasoras.

Este sábado, 8 de xuño, ADEGA e “Cousas de Raíces”, celebrarán unha xornada nos montes de Rebordelo, en Cercedo – Cotobade, xunto coa comunidade de veciños de montes e as brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia. O punto de encontro será ás 10 da mañá na Casa do Pobo de Rebordeloás.

Para obter máis información ou inscirbirte e participar en calquera destas accións de deseucaliptización e eliminación de especies exóticas invasoras, só tes que contactar coas entidades promotoras de cada unha delas, a través dos teléfonos e dos emails que atoparás no seu mapa de actuacións e na seguinte Táboa deseucaliptizacion simultánea 2019 (II).

Volver arriba