skip to Main Content
€Coren Contra Manuel”: O Informe De Greenpeace Que Denuncia Que A Limia é A Zona Máis Contaminada Por Residuos Da Gandería Industrial E O €acoso” De Coren Ao Labrego Limiao

“Coren contra Manuel”: o informe de Greenpeace que denuncia que A Limia é a zona máis contaminada por residuos da gandería industrial e o “acoso” de Coren ao labrego limiao

Greenpeace presenta o seu informe “Coren contra Manuel” no que denuncia as prácticas “abusivas que o xigante cárnico recorre para silenciar ás persoas críticas co seu modelo de negocio e coa gandería industrial” e engaden que “é o causante da grave e histórica contaminación que sofren os acuíferos da comarca da Limia, en Ourense”.

No marco da súa campaña #FalaRural, Greenpeace deu a coñecer este pasado mércores o caso de SLAPP (pleito estratéxico contra a participación pública, nas súas siglas en inglés) no agro galego. Neste caso concreto, o Grupo Coren esíxelle un millón de euros ao labrego ecolóxico e activista ambiental, Manuel García, por “denunciar a contaminación xerada pola sobreexplotación gandeira” na bisbarra da Limia. Neste caso, o agricultor denunciaba a contaminación do encoro das Conchas e sinalaba a Coren entre os responsbles. Este tipo de demandas millonarias, explican dende GreenPeace que “son unha forma de intimidación legal e acoso xudicial cada vez máis habitual en todo o mundo, a través das cales as grandes corporacións tratan de silenciar a xornalistas ou activistas, especialmente en asuntos relacionados coa corrupción e malas prácticas empresariais, como a contaminación ambiental”.

 

O crecemento do Grupo Coren na Limia

O Grupo Coren, centra a súa actividade na produción en avicultura de carne e posta, porcino e vacún, é a primeira sociedade cooperativa española e a décima no sector das carnes no conxunto da Unión Europea. Está entre as 35 empresas produtoras de carne e lácteos máis grandes do mundo por volume de produción. O grupo ourensán pechou 2019 cun beneficio de 4,4 millóns de euros “tras disparar as súas vendas no exterior e agora pon o foco en China para seguir a medrar”.

“O crecemento exponencial da conta de resultados do Grupo Coren está asociado á súa aposta pola gandería industrial e é parello coa degradación ambiental que padece a comarca da Limia” onde, concentra o desenvolvemento da súa actividade. Greenpeace explica que existen “varios estudos científicos e os resultados oficiais do seguimento da calidade das augas na zona amosan que a contaminación das augas por nitratos, fósforo e outros compostos débese principalmente á inxente cantidade de residuos que orixina a gandería industrial e a absoluta falta de control da súa vertedura nos campos galegos”. De feito a comarca da Limia é un dos puntos de Galicia máis contaminados por residuos de gandería industrial.

 

A grave e histórica contaminación dos acuíferos da comarca ourensá

Segundo palabras do propio Manuel García, agricultor ecolóxico e membro do Movemento Ecoloxita da Limia (MEL) “estabamos a chegar a un punto de colapso total dos recursos hídricos da

Foto: Greenpeace

Limia”, isto ben podería resumir a situación que está atravesar a comarca ourensá provocada polo incesante crecemento da gandería industrial, unha carga gandeira que nos últimos vinte anos creceu un 114%, mentres que a poboación diminuíu un 19%, segundo datos do Instituto Galego de Estatística e as estimacións de Greenpeace.

A situación que está a sufrir a Limia xa se ven denunciando dende hai moito tempo por colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural, o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e a plataforma veciñal Auga Limpa Xa! Pois a contaminación da auga da comarca xa é un feito que se constatatou dende hai moitos anos, así como tamén se ven denunciando o incumprimento de varias normativas, o modelo agroindustrial imperante na Limia e a mala xestión dos refugallos gandeiros.

“O crecemento desorbitado da gandería industrial na Limia está a provocar un aumento continuo das concentracións de nitratos nas augas superficiais e subterráneas, deixando mesmo a poboacións sen auga potábel”, afirma Serafín González, doutor en bioloxía, investigador científico do CSIC, experto en nitratos e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

É máis, Galicia é a única comunidade autónoma que ata o de agora non designou ningunha Zona Vulnerábel aos Nitratos, tal como esixe a Directiva de Nitratos, e a situación na comarca da Limia “esixe actuacións inmediatas por parte das autoridades competentes”, reclaman dende Greenpeace así como “unha transformación do modelo de produción do Grupo Coren”.

Back To Top