skip to Main Content
As Asociacións Ecoloxistas Piden A Suspensión Da Caza Da Rula

As asociacións ecoloxistas piden a suspensión da caza da rula

Asociacións ecoloxistas solicitan ao Comité Galego de Caza paralizar a caza da rula, unha especie en perigo de extinción. ADEGA, Ecoloxistas en Acción, SEO/BirdLife, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, Gripo Naturalista Hábitat e Verdegaia solicitáronlle unha moratoria na caza desta especie, que ata o de agora estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia, integrada na Rede Natura e declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no 2009.

As asociacións lembran ademais que esta permisividade de caza desatende deste xeito os requirimentos da Comisión Europea e as numerosas demandas dos cidadáns e de entidades conservacionistas para que se prohíba definitivamente a súa caza e se declare á rula especie protexida.

 

A caza da especie na media veda

Explican as asociación ecoloxistas que a Xunta de Galicia está a permitir a caza da rula en nove concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período que se coñece como media veda.

Coinciden que a prohibición da súa caza fóra da media veda da Limia, non supón ningunha medida de protección efectiva para a especie. “Cando se abra en outubro o período xeral para a caza no resto de Galicia, as rulas xa terán migrado a África. Xa que logo, esta prohibición non ten ningún efecto máis que o de simular que limitan severamente a súa caza”, engaden.

 

A desaparición da rula en Galicia

Segundo datos do programa SACRE de seguimento das aves na Penísula Ibérica, nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos.

Os datos oficiais, amosan que  dende o ano 2014 téñense cazado no espazo natural protexido da Limia 3.870 rulas. Esta situación fai que a súa poboación se vexa severamente deteriorada nun das escasas zonas galegas nas que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear. As asociacións ecoloxistas advirten amais que con elo se poidese vulnerar, presuntamente a citada directiva e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

Tamén lembran que o proceso de infracción iniciado pola Comisión Europea o 25 de xullo do 2019 contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o declive das rulas segue en marcha. España alberga máis da metade da poboación reprodutora europea polo que é o país clave na conservación desta ave, que está a sufrir en toda Europa un forte declive.

 

O apoio da sociedade

As asociacións ecolóxicas que levan esta petición ante a Xunta, abriron tamén unha campaña de recollida de sinaturas na plataforma Change.org para prohibir a caza da rula, a cal apoian ata o de agora preto de 48.300 persoas.

E para todos aqueles interesados en saber más sobre a situación da rula poderán participar nesta tarde de venres 17 de abril, a partires das 20:30, nunha charla programada polo Grupo Naturalista Hábitat: https://gnhabitat.org/falando-de-natureza-os-ameazados-arrolos-das-nosas-rulas/

Back To Top