skip to Main Content
As Actuacións Da Xunta E A Concienciación Cidadá Fixeron Posible Reducir Nun 577% O Número Anual De PVI En Sete Anos

As actuacións da Xunta e a concienciación cidadá fixeron posible reducir nun 577% o número anual de PVI en sete anos

As actuacións de restauración ambiental e paisaxística da Xunta de Galicia e a concienciación cidadá fixeron posible reducir o número anual de puntos de vertido incontrolados (PVI) de residuos dos 300 executados en 2015 aos 52 do ano actual. Isto supón un 577% menos en só sete anos. Malia que a competencia sobre estes puntos corresponde aos concellos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumiu a prestación de apoio ás entidades locais. O programa, que se puxo en marcha en 2015, deu lugar a que o número de PVI eliminados se situara nos 1.166, para o cal o Goberno galego destinou máis de 9,2 millóns de euros. Como resultado, rexeneráronse 79 hectáreas de terreo.

 

O programa da Consellería ten dous obxectivos principais: recoller, separar, transportar e entregar a un xestor autorizado os residuos abandonados para a súa conversión nun novo recurso; e rexenerar a zona, asegurando a conservación da biodiversidade e evitando a proliferación de novos amoreamentos. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de elaborar un informe sobre a execución destes traballos en 2020 e 2021, onde sinala que o esforzo da Xunta nestes dous anos resultou na restauración de máis de 10 hectáreas de terreo. Entre as tipoloxías de residuos que foron trasladados a un centro autorizado destacan case 6.700 m3 de residuos da construción e demolición, máis de 47 toneladas de plásticos, case 31 toneladas de pneumáticos fóra de uso, preto de 9 toneladas de aparellos electrónicos e eléctricos e 25 quilos de baterías.

 

 Previsións para o 2022

 

A Xunta de Galicia manterá este esforzo ao longo do próximo ano, habilitando unha partida de 1,8 millóns de euros. Neste caso, o obxectivo principal será o de analizar as razóns de abandono de residuos en cada concello e así asesoralos sobre futuras solucións. Ademais, a Xunta destaca que porá o foco no Camiño de Santiago. Polo tanto, a Consellería e os responsables da Ruta Xacobea están a deseñar unha nova utilidade na súa aplicación de móbil para que os peregrinos poidan contribuír.

 

Ademais, como complemento da planificación de restauración ambiental e paisaxística dos PVI, a Consellería destaca que Galicia “dispón dunha rede de puntos verdes fixos e móbiles para facilitar o cumprimento das súas competencias en materia de residuos e permitir aos cidadáns depositalos de forma gratuíta segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior”. Neste senso, a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 prevé axudas de 5 millóns de euros a concellos para estas instalacións fixas e móbiles.

Back To Top