skip to Main Content
ADEGA, En Contra Das Accións De ENDESA En Canto Ao Negocio Do Eucalipto

ADEGA, en contra das accións de ENDESA en canto ao negocio do eucalipto

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) expresa a súa negativa ante as actuacións de ENDESA, que “teima en seguir a espremer a comerca do Eume”. A asociación revela que a empresa “xa deixou claro que pode facer o que lle peta co río, mais agora quere entrar tamén no negocio do eucalipto cun plantío de 543 hectáreas”. Despois de décadas de explotación dos recursos mineiros e hidráulicos da bacía do Eume, ADEGA recoñece que ENDESA xerou unha enorme débeda ambiental que as administracións nunca reclamaron. Despois de contaminar durante 50 anos coa súa central de carbón, a Xunta autorizoulle unha restauración “low cost” para convertir o enorme oco da mina de lignito nun mal chamado “lago”.

 

A organización tamén fai referencia aos seculares e impunes incumprimentos dos caudais ecolóxicos no encoro da Capela, tamén no Eume, “que culminaron hai uns meses cun vergoñento episodio de contaminación do río, causado pola cobiza e a insubmisión da empresa: o río perténcelle e fai o que lle peta á marxe do que diga a Xunta”. O “incidente” resolveuse cunha proposta de sanción que, segundo ADEGA, rematará de seguro nun longo litixio xudicial. Ademais, destaca que, mentras tanto, a Xunta segue a demorar a aprobación do PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que ENDESA considera “o seu patio traseiro”.

 

As alternativas de ENDESA: ou eucaliptos ou lume

 

ADEGA critica a proposta de ENDESA de sementar de Eucalyptus nitens preto de 600 hectáreas na contorna da balsa mineira: “A empresa xustifica esta intervención pola necesidade de poñer en produción terreos abandonados fundamentalmente matogueiras, cuxa vocación debe ser exclusivamente forestal”. Ademais, a organización considera que a  empresa esquece intencionadamente que os hábitats de matogueira cumpren unha importante función ecosistémica. As plantacións forestais, máis aínda as de especies exóticas invasoras como o Eucalyptus nitens “perigosas para os ecosistemas forestais e semi-naturais” segundo ditame CC 30/2017 do Comité Científico Español de Flora e Fauna Silvestres, amosan unha menor biodiversidade que os hábitats de bosque natural e mesmo de matogueiras, teñen un elevado consumo de auga, unha alta escorrentía e baixa retención, aumentando a incidencia dos fenómenos erosivos.

 

Polo que atinxe á “delincuencia incendiaria”, esta non se relaciona coa natureza da coberteira vexetal, como indican os varios informes anuais da Fiscalía Delegada de medio ambiente, urbanismo e incendios do TSXG e si con outros factores de índole socio-económica, nos que por certo a constante presión das empresas forestais por ocupar cada vez máis territorio ten moito a ver.

 

Forte impacto sobre o patrimonio natural e cultural

 

Na memoria ambiental do plantío, ENDESA conclúe que malia que na cartografía consultada están presentes variados hábitats de interese europeo (4030, 4090, 6510, 3110) e mesmo prioritarios (4020*, 91E0*) listados no Anexo I da Directiva 92/43 CE de Hábitats, segundo os redactores do proxecto ningún deles está presente nas áreas obxecto de intervención, agás o hábitat 91E0* nun pequeno polígono de 3,98 hectáreas. Porén, nas fotografías son claramente identificables teselas dos hábitats de interese europeo e prioritarios anteriormente citados. No referente ás especies, a promotora conclúe que non detectou ningún individuo de especies ameazadas ou en risco das listadas no Inventario Español de Especies Terrestres e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Porén, ADEGA explica que “ecoloxistas e investigadores vimos realizando un seguemento da biodiversidade da bacía alta do Eume, incluída a área obxecto de intervención, e puidemos verificar a presenza de numerosas especies, concretamente 83 xusto na zona afectada polo proxecto”.

 

A asociación afirma que no inventario de afeccións ao patrimonio sinálase a presenza de numerosos elementos catalogados, principalmente mámoas e un castro afectados polo proxecto. De feito, “toda esta área podería ser considerada como unha zona arqueolóxica dada a importante concentración de xacementos presentes, aos que probabelmente habería que engadir algúns máis de térense desenvolvido campañas de prospección”. ADEGA conclúe que a empresa limitarase a balizar e respectar un perímetro de 15 metros para as mámoas e 25 para os castros, e a aproveitar para a plantación as contornas de protección dos bens mediante un “subsolado superficial” de 25 cm.

 

Back To Top