skip to Main Content
ADEGA E A Fundación Eira Lanzan Unha Campaña De Procura De Doazóns Para Reparar O Tellado Da Eira Da Xoana

ADEGA e a Fundación Eira lanzan unha campaña de procura de doazóns para reparar o tellado da Eira da Xoana

A Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Fundación Eira lanzan unha campaña para recadar fondos destinados a reparar o tellado da casa da Eira da Xoana, o equipamento de divulgación e formación ambiental e de promoción cultural impulsado por ADEGA no ano 2007 e situado na parroquia de Ramil (Agolada). Malia aos arranxos puntuais das pingueiras que se fixeron nos últimos anos, os defectos do tellado agraváronse nos últimos meses, sendo necesario solucionar o problema de raíz. Polo tanto, é preciso proceder ao levantamento integral das tellas, e tras as reparacións pertinentes, volver retellar. A chegadas das chuvias de outono imprimen unha certa urxencia ás obras para as cales haberá que contar con profesionais especializados. Cabe destacar que o custo da reparación é de 6.000 euros, unha cantidade á que a Fundación Eira non pode facer fronte sen contar con axudas externas ou doazóns das persoas que queiran apoiar o proxecto.

 

 Sobre a Eira da Xoana

 

Situada no Alto Ulla, na parroquia de Ramil, a Eira da Xoana conseguiu constituírse nun centro de referencia no ámbito da promoción dos saberes populares do noso rural, na divulgación ambiental e na custodia do territorio. Nos seus case 15 anos leva organizado centos de actividades: obradoiros, cursos, traballos comunitarios, voluntariado ambiental, actos culturais e de homenaxe, charlas divulgativas, conferencias, xornadas de reflexión e campañas a favor de fomentar a restauración ecolóxica-patrimonial e o respecto polo rural, o coidado do medio ambiente e a promoción da cultura e da lingua de Gaicia. Todas estas actividades sempre abertas á poboación xeral e enfocadas cara unha metodoloxía participativa e de implicación directa por parte da cidadanía. A Eira da Xoana está constituída fisicamente por unha casa tradicional galega rehabilitada e os seus terreos lindeiros onde se atopa a “Eira”, símbolo do equipamento e lugar de encontro no que desenvolven a maioría das actividades da Fundación.

 

 Como facer a túa achega?

 

Para realizar a túa doazón é preciso cubrir o formulario de doazóns que está na páxina web da Fundación Eira (https://eiradaxoana.gal/doazons), indicando os teus datos persoais e o importe que queres achegar. Tamén existe a opción de contactar por teléfono: 659 683 384 ou 616 627 318.

 

Ao tratarse dunha doazón a unha entidade de interese galego, a doazón verase bonificada por Facenda, podendo recuperar na túa declaración da renda ata o 80% do importe achegado. Por este motivo é moi importante cubrir os teus datos correctamente.

 

A páxina web da Fundación Eira actualizará de forma periódica a listaxe de achegas coa identidade das persoas ou entidades doantes se así o especifican no formulario de doazón. A data límite para facer a túa achega será o 31 de outubro de 2021. Coa axuda dos participantes, a institución ten por certo que poderá celebrar o remate da obra ao vindeiro solsticio.

Back To Top