skip to Main Content
ADEGA Denuncia A Ocupación Ilegal Con Eucalipto Dende A Moratoria

ADEGA denuncia a ocupación ilegal con eucalipto dende a moratoria

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), con motivo da entrada en vigor do novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040, dá conta dos primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais, que intensificou desde o pasado mes de abril, tras a vaga eucaliptizadora provocada pola moratoria anunciada pola da Xunta de Galicia para as novas plantacións de eucaliptos. Segundo a organización, malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal “semellan estar provocando o efecto contrario”. Deste xeito, ADEGA fixo un chamamento á cidadanía galega o pasado mes de abril para que trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora.

 

Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña na que ADEGA poñía a disposición das persoas un formulario en liña para que calquera puidese informar sobre plantacións ou cortas ilegais, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciables e teñen que ver coa plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio. Durante este tempo, ADEGA xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio.

 

Máis da metade dos avisos de infracción chegados a ADEGA durante este período foron recibidos no mes de abril, inmediatamente despois do anuncio da moratoria por parte da Xunta ás novas plantacións de eucalipto. Ata a actualidade, ADEGA xa leva presentado diante da Xunta de Galicia “máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta”. Para a asociación ecoloxista, este feito “constata a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra”. Así, das parcelas denunciadas ata hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras.

 

Malia a entrada en vigor da moratoria do eucalipto no pasado 2 de xullo, os avisos recibidos por ADEGA con información sobre eliminación de pastos e cultivos ou de bosque autóctono para a plantación de eucaliptos non deixaron de chegar. Por outra banda, a asociación é consciente “de que o número de avisos que nos chegan e de denuncias que ADEGA e outras organización rurais e ecoloxistas acaban presentando na Xunta por plantacións ilegais de eucalipto está moi lonxe de alcanzar o número de infraccións reais. Lamentablemente, o número de situacións fraudulentas é exponencialmente maior”.

 

Ante esta situación, a organización demándalle á Xunta de Galicia que demostre con feitos “a súa teórica vontade de frear a expansión do eucalipto, cumprindo escrupulosamente coa lei de montes, de biodiversidade e de patrimonio cultural, e coas súas funcións de control e vixilancia fronte a este tipo de infraccións”. Ademais, ADEGA anima a sociedade galega a loitar pola defensa do medio ambiente e do rural para que estes feitos non queden impunes. O formulario de denuncia forestal pódese atopar na páxina web de ADEGA ou directamente na seguinte ligazón: http://bit.ly/denunciaforestal

 

Back To Top