skip to Main Content
ADEGA Acusa á Xunta De Financiar A Manipulación Dos Máis Cativos Sobre As Bondades Do Eucalipto

ADEGA acusa á Xunta de financiar a manipulación dos máis cativos sobre as bondades do eucalipto

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) “asiste alarmada á última campaña “educativa” que está a desenvolver o lobby do eucalipto nos centros de ensino públicos de Galicia e advirte aos docentes e á sociedade galega en xeral da intención desta campaña”. Segundo a asociación, malia presentarse como a de “dar a coñecer o sector forestal galego”, en realidade pretende infundir entre os máis cativos unha opinión positiva sobre o eucalipto e as “bondades” de cultivar especies invasoras no territorio galego. Ademais, a campaña conta co apoio económico da Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, da Vicepresidencia 2ª, Consellaría de Economía, Empresa e Innovación.

 

Segundo a organización ecoloxista, “mentres Galicia vai camiño de ter a cuarta parte do seu territorio afectado directamente por especies invasoras, nomeadamente eucalipto, o lobby da madeira pon o seu foco nas novas xeracións, especialmente nos menores de idade”. Recentemente, a Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo, organización “sen ánimo de lucro” que agrupa a 280 empresas do sector forestal, ven de enviar correos electrónicos a centros escolares para ofrecer unhas “charlas informativas en los colegios de infantil y primaria” co título “O sector forestal: tan próximo como descoñecido’”. Pódese pensar inocentemente que as charlas versarán sobre arborado autóctono e o potencial do monte multiprodutivo, pero nada máis lonxe disto: da man da Sra. Piñones, e do Sr. Calipto (sic) queren dar charlas “de 1 a 2 horas” a un público sensible: “niños de entre 6 y 12 años”.

 

Dende ADEGA, expresan a súa sorpresa e inquedanza ante tal iniciativa “apoiada con recursos públicos, que incita a pensar que realmente o que pretende é asegurar o relevo xeracional na desastrosa transformación do territorio galego nun monocultivo forestal”. E todo da man dunha asociación supostamente “sen ánimo de lucro” que, segundo afirman, “tiene entre sus objetivos la divulgación del sector, y dar a conocer los beneficios que este supone para Galicia, para el medio rural y en general para la sociedad y para el medio ambiente”. Á organización gustaríalle saber que beneficios medioambientais ten destruír milleiros de hectáreas de grande diversidade biolóxica e hábitats prístinos de matogueiras, prados de sega, carballeiras centenarias e riquísimos bosques de ribeira en paupérrimas plantacións dunha especie considerada invasora polo propio Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español como é o eucalipto.

 

 

Un koala como mascota do sector forestal galego

 

En palabras da organización ecoloxista, na páxina web da asociación forestal aparecen fotografías de actividades nas que os nenos semellan xogar cun koala de peluche que probablemente é a mascota da Asociación. Dende ADEGA, “queremos pensar que non hai interese algún por parte da Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo de deformar a realidade da escasísima diversidade animal das plantacións de eucaliptos en Lugo e en toda Galiza insinuando aos e ás menores de idade que aquí hai koalas”. Lembremos que o koala é unha especie australiana que non está presente na nosa comunidade. Ademais, no diploma de “Defensor do sector forestal” que se lles entrega aos nenos por participar póñense ao mesmo nivel de percepción o esquío e o koala.

 

 

Queixa diante das institucións educativas

 

ADEGA rexeita “que a administración pública invista recursos de todos e todas as galegas en campañas de manipulación da opinión pública, especialmente da poboación máis cativa, cara a unha percepción positiva do monocultivo do eucalipto e de especies invasoras en xeral, que ocultan ou minimizan intencionadamente o efecto ambiental negativo que estas especies exercen sobre a contorna”. Polo tanto, insta á Xunta a que retire o seu apoio a esta campaña e recomenda aos centros educativos que rexeiten esta proposta de actividade. Por último, a asociación presentará unha queixa na na Consellaría de Educación, no Consello Escolar de Galicia, na Valedora do Pobo e advertirá a ANPAS e sindicatos de ensino.

 

Back To Top