skip to Main Content
A Xunta Lamenta Que O Goberno Central Insista En Avaliar Proxectos De Parques Eólicos Fóra Das áreas Previstas

A Xunta lamenta que o Goberno central insista en avaliar proxectos de parques eólicos fóra das áreas previstas

A Xunta de Galicia lamenta que o Goberno central continúe a insistir en que se avalíen proxectos de parques eólicos que, pola súa localización, se atopan fóra das áreas de desenvolvemento destes elementos previstos na Comunidade galega. Ademais, lembra que a regra xeral para instalar un parque eólico en Galicia é a de que se sitúe nunha área de desenvolvemento eólico (ADE) contemplada no Plan sectorial. En base a isto, nos últimos meses, o Goberno galego xa informou desfavorablemente un total de 35 proxectos estatais que non cumpren a condición de atoparse nunha ADE.

O director xeral de Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Ismael Aznar, e outros representantes do Goberno central, trataron – sgún afirma hoxe a Xunta – este asunto nunha reunión telemática celebrada esta semana con membros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Na xuntanza, os integrantes do Executivo galego sinalaron que o aumento exponencial de peticións para a instalación de eólicos é unha consecuencia directa das modificacións introducidas polo Goberno central na lexislación básica estatal, que esixen que os proxectos eólicos cumpran uns prazos administrativos moi axustados.

A Xunta considera, afirmaron hoxe,  que é precisa unha información ambiental clara e que non sexa equívoca para os promotores. Nese sentido, sinala que o mapa de sensibilidade ambiental publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica subministra datos parciais e que poden levar a erro. Así, por exemplo, na zona de sensibilidade máxima, na que está incluída a Rede Natura, infórmase aos promotores que os eólicos non están recomendados, cando realmente os proxectos dispostos nestas áreas en Galicia están prohibidos.

 

Back To Top