skip to Main Content
A Crise Económica Polo Coronavirus Non Pode Ser Utilizada Para Xustificar Un Crecemento Insostible

A crise económica polo Coronavirus non pode ser utilizada para xustificar un crecemento insostible

Mentres medio planeta se felicita pola efemera e enganosa redución de niveis de contaminación derivados das medidas adoptadas para a loita contra a pandemia do Coronavirus,  a parte máis insostible da economía prepárase para descontar a perda de produción e consumo (consuminsmo), deste período de confinamento, o máis pronto posible. O efecto rebote vai ser unha realidade se non se aproveita agora para poñer en valor fórmulas de crecemento sostible. Métodos sostibles como os reflectidos na estratexia europea de Economía Circular e no Green Deal (Pacto Verde Europeo) presentado pola Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, precisamente ás portas da crise actual do COVID,  logo de lustros de “mirar para outro lado” sobre as causas que provocan a crise climática e a perda de biodiversidade, ”toques de atención” da natureza que nos empeñamos en non escoitar.

A celebración do Día Internacional da Terra, 22 de abril, serviu para poñer en evidencia, outra vez,  que o futuro preséntase duro se non somos quen, entre todos, de pórlle freo ao deterioro cada vez máis visible e máis intenso do planeta, derivado do actual modelo de produción e consumo. Mostra recente desta situación grave que atravesa a Terra, e só son uns poucos exemplos, están os incendios de Autralia ou da Amazonia, os maiores rexistros de calor terrestre (a nivel mundial o pasado mes de xaneiro foi o máis caloroso e marzo o segundo dende que existen rexistros, e en España o mes de febreiro estivo 3 graos por arriba da media), e a día de hoxe o COVID-19, a pandemia sanitaria mundial que garda unha forte vinculación coa propia saúde do noso ecositema. Exemplos de destrución da biodiversidade como a deforestación, o cambio do uso dos solos, a produción agrícola e gandeira intensiva ou o crecente comercio irregular ou ilegal de vida silvestre, poden aumentar o contacto e a transmisión de enfermidades infecciosas de animais a humanos.

 

Galicia un mal exemplo

Dende a Asociación Galicia Ambiental instamos ás administracións públicas así como as institucións privadas e á sociedade en xeral a mudar a nosa relación coa Terra e non esquecer, ou recuperar en certos casos, a senda do desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente. É urxente que administracións  (Xunta, deputacións e concellos) e empresas retomen, á par das medidas “económicas” de recuperación desta emerxencia sanitaria, a axenda para abordar as outras crises “paralelas”: a climática e da  perda de biodiversidade: especies invasoras, monocultivos…

 

A perda da biodiversidade

A nosa saúde depende da saúde da Terra e son os ecosistemas sans os que nos proporcionan unha maior protección fronte á propagación de patóxenos e de doenzas infecciosas causantes das pandemias. Os cambios na biodiversidade afectan ao funcionamento dos ecosistemas e poden causar alteracións importantes dos bens e servizos que estes nos proporcionan.

Ainda que a biodiversidade dificulta a propagación de enfermidades, o certo é que o ser humano está a deteriorarala a un ritmo vertixinoso e sen precedente. Segundo o último informe “Evaliación Global sobre a Biodiversidade e os Servizos dos Ecosistemas” do Panel Intergubernamental sobre Biodiversidade dos Ecosistemas (IPBES), un millón de especies animais e vexetais están en perigo de extinción na actualidade, máis que en calquera outro momento na historia da humanidade.  Engade o estudo que nas vindeiras décadas extinguirase 1 de cada 8 especies.

En Galicia, a perda da biodiversidade é un dos seus principais problemas ambientais ao que todos os axentes deben facer fronte, e que é consecuencia, entre outros, pola propagación de especies alóctonas e invasoras (eucalipto, mimosa, etc), de monocultivos que eliminan a biodiversidade vexetal e modifican os hábitats, reducindo polo tanto tamén a biodiversidade animal. Amais, o comercio de especies silvestres e o desequilibrio de poboacións de especies salvaxes (por eliminación de depredadores naturais e polo cambio de usos e o abandono do rural) está a alterar o equilibrio natural e favorece a propagación de enfermidades, como acontece coa peste porcina e o xabaril.

 

24 de abril, Acción polo clima

Galicia Ambiental súmase, neste contexto de emerxencia sanitaria actual e cos riscos  da posterior saída económica precipitada, á convocatoria que apoian centos de organizacións para que toda a sociedade participe nunha acción global polo clima, que se celebrará mañá venres 24 de abril. Sen saír das casas e dende os balcóns, animan aos cidadáns a reclamar unha volta que “poña no centro o medio ambiente e ás persoas e teñan en conta criterios de xustiza social e climática”. As organización participantes convidan a unha manifestación a través de proxeccións de sombras e sons nas fachadas e que se reflexará logo nas redes sociais por medio de fotos e vídeos que os cidadáns envíen.

Como subliñan dende a organización Fridays For Future – Alianza por el Clima, a través desta acción cidadá conxunta e o manifesto común, as organizacións da sociedade civil “esixen políticas que leven a cabo unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro acompañadas de políticas sociais que prioricen ás persoas e aos colectivos vulnerables, isto é, medidas de xustiza climática”.

A redución drástica de emisións é indispensable para facer fronte á crise climática e evitar futuras pandemias como as que estamos a vivir, polo ben dos nosos ecosistemas e polo ben da humanidade.

Back To Top