skip to Main Content
A Sociedade Galega De Ornitoloxía Pide Que Se Declare Libre De Parques Eólicos E Solares A Montaña Galaico-leonesa

A Sociedade Galega de Ornitoloxía pide que se declare libre de parques eólicos e solares a montaña galaico-leonesa

A Sociedade Galega de Ornitoloxía, SGO, ven de achegar as súas alegación aos distintos macroproxectos eólicos tramitados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e a Xunta de Galicia: Barjas, Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo.

Uns parques eólicos que están proxectados todos eles na montaña galaico-leonesa, e lembran dende SGO, “que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental”. Explican que na documentación enviada déixase constancia “da necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos”, que “supoñen no seu conxunto un gravísimo impacto ambiental con efectos acumulativos e sinérxicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico”.

 

Pola protección das especies máis ameazadas

A Sociedade Galega de Ornitoloxía destaca que precisamente nestas zonas, atópanse presentes “algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais transcenden aos espazos protexidos que se sitúan arredor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares”. Especies que poderían sufrir unha grave afección como a aguia real (Aquila chrysaetos) que amais está incluida como “en perigo de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, así como para a charrela (Perdix perdix), gatafornela (Circus cyaneus), tartaraña cincenta (Circus pygargus) e o voitre branco (Neophron pernocterus), incluidas con categoría de “vulnerables” en dito catálogo.

Para SGO a afección de cada parque e as súas infraestruturas asociadas, “non debe de contemplarse independente do conxunto e por tanto, debería de valorarse a opción de declarar á montaña Galaico-leonesa como área de exclusión de parques eólicos”.  Engaden que no caso da súa falta establecer unha avaliación ambiental conxunta antes de aprobar calquera proxecto de ámbito estatal ou autonómico.

Parques eólicos en funcionamento, en construción, en tramitación e de nova solicitude tramitados polo goberno autonómico, máis algúns do macroparques tramitados directamente polo Ministerio na montaña Galaico-Leonesa.
(Fonte: visor eólico de Galicia e MITECO)

Na procura do equilibrio entre renovables e conservación do entorno

Paralelamente ao grave impacto ambiental que supoñen estes macroproxectos de parques eólicos e solares, SGO lembra que Galicia “está moi por riba da media española en xeración de enerxías alternativas” e alcanzou xa “en termos relativos os obxectivos de sustentabilidade expostos para 2030”. Por elo, instan a establecer un equilibrio entre o avance de renovables e a conservación do entorno natural.
Puntualizan que “non podemos obviar a relación intrínseca entre a perda de biodiversidade e o cambio climático, polo que nun contexto como o relatado para Galicia, os efectos beneficiosos da implantación de enerxías renovables para a loita contra o cambio climático poden verse atenuados polos danos á biodiversidade”, alerta a entidade.

Un exceso de parques eólicos en Galicia, con graves impactos ambientais e paisaxísticos debido aos efectos aditivos, que case nunca son valorados, pero que fan que a contorna perda as súas características de naturalidade, e ao que debemos engadir o deterioro da biodiversidade.

Back To Top