skip to Main Content
A Ría De Arousa Sofre As Consecuencias Da Dragaxe Mal Planificada: Toneladas De Residuos Son Vertidos Mar Adentro En Zonas Sensibles

A Ría de Arousa sofre as consecuencias da dragaxe mal planificada: toneladas de residuos son vertidos mar adentro en zonas sensibles

Portos de Galicia iniciou diversas obras de dragaxe en diferentes puntos de Galicia co obxectivo principal de responder a unha demanda dos sectores portuarios, permitindo tamén “recuperar o calado necesario para a normal actividade dos peiraos”. É unha tarefa indubidablemente necesaria para o normal desenvolvemento da actividade comercial dos peiraos galegos, nomeadamente os pequenos e medianos. Unha tarefa que, en boa parte dos lugares, segue a executarse conforme a criterios ambientais e medios de fai 50 anos.

 

Os traballos reactiváronse logo de que, en abril, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comunicase ás confrarías pontevedresas a decisión do Goberno central de «non permitir máis depósitos de áridos ata a realización dun estudo de alternativas no punto de depósito que o Ministerio de Transición Ecológica tiña autorizado con carácter permanente». A zona obxecto da polémica é un espazo en mar aberto, no exterior da Ría de Arousa e por fóra do entorno protexido da illa de Sálvora, unha ubicación que ven sendo usada dende 1998. Esta zona de “vertido” ven rexistrando unha crecente resistencia, sobre todo ante a previsión de depósito dos áridos procedentes do Lérez. Pero, ate o de agora, poucas son as voces que poñen en evidencia que alí se están a depositar toneladas de residuos inorgánicos de todo tipo, arrancados do fondo dos portos: rodas, redes, chumbos, plásticos, bicicletas, anacos de vehículos ou RAEs. Unha realización máis “lenta” do traballo e o uso dunha barcaza auxiliar permitiría facer unha “selección en obra” e evitar así o deposito en augas costeiras destes residuos. Algunhas destas operacións son simplemente de áreas limpas, que serven para repoñer ou rexenerar areais próximos, como acontece con Vilaxoán, en Canelas ou en Carril… pero, na maioría dos casos, a extracción é de lodos e residuos.

 

No porto de O Grove, foron asignados 127.000 euros na obra que contará cun prazo de execución de tres meses. Trátase da extracción de áridos ata acadar a cota -2 en baixamar e o volume de material para dragar é de 4.000 metros cúbicos procedentes do solo mariño. O porto de Canido, en Vigo, tamén iniciou as obras de dragaxe cun investimento de 144.000 euros. Os traballos consisten na extracción de áridos en parte da dársena ata acadar a cota -2 en baixamar. O volume total de material para dragar é de preto de 6.000 metros cúbicos e a superficie é de 3.800 metros cadrados de solo mariño afectado. Recentemente estas obras tamén comezaron no porto de Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa. O ente público dependente da Consellería do Mar inviste 476.000 euros nesta obra, que consiste na extracción de área ata acadar a cota de -2 en baixamar na zona sur e a cota 0 en baixamar na zona norte. O volume total de material para dragar é de máis de 18.000 metros cúbicos, e parte dos áridos extraídos serán empregados para a rexeneración de bancos marisqueiros da zona.

 

Estes procedementos, nada selectivos, teñen por consecuencia directa o vertido de toneladas de residuos inorgánicos que se veñen a sumar aos lodos extraídos. A pesar das consultas realizadas, non foi posible recibir unha contestación ou explicación algunha de Portos de Galicia en canto á posible evitación ou minoración do impacto.

 

En abril deste ano, debido ás protestas das confrarías e ecoloxistas, o Ministerio de Transición Ecolóxica anulou o único punto de vertido autorizado para depósito de dragaxe nas Rías Baixas, situado detrás de Sálvora. Estes procesos de dragaxe realizados na Ría de Arousa están extraendo toneladas de residuos inorgánicos. Segundo Xaquín Rubido (Xocas), presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), o problema máis grande dende o punto de vista medioambiental derívase da contaminación asociada ás partículas finas. Porén, existe un tipo de contaminación “visual” que pode ter o aspecto dun aparello que é lixo e, polo tanto, non debe estar no mar. “Outra cousa é a contaminación menos aparente e visible pero máis efectiva. As partículas finas son moi fáciles de transportar polas correntes mariñas e de dispersarse e chegar ata a cadea alimentaria”. Polo tanto, trátase dun tipo de contaminación máis perigosa pero menos impactante visualmente. Xaquín Rubido recalca a importancia de que ambas non deben estar no mar, “e non debe ser a administración a que mire cara outro lado mentres que se depositan lodos contaminantes no mar. Deben estabilizarse en terra e buscar fórmulas para que non se deteriore máis a situación dos nosos océanos”.

 

Segundo o presidente da PDRA, un dos problemas principais arredor do vertido de Sálvora é que, dende o momento no que foi escollido, “foron botando aí sen darse conta de que é o canal de entrada das augas de afloramento da Ría de Arousa”. Explica que a oceanografía do afloramento é que as aguas profundas e frías entran pola banda sur, arrastran nutrientes e iso favorece a que se produza o fenómeno, xa que as augas circulan en sentido “antihorario”: entran pola banda sur e saen pola banda norte.

 

Ademais, revela que “esa falta de rigor cando no seu día se estableceu ese punto de vertido xa foi denunciado e agora o singular é que hai datos concluíntes da propia administración”, xa que a normativa obriga a facer un estudo cada certo tempo ou cada volume de vertido realizado nese punto. Rubido afirma que, segundo ese estudo, no fondo do punto de vertido de Sálvora permanecen a día de hoxe 1.900.000 metros cúbicos de dragaxe vertidos alí. Polo tanto, de catro millóns de metros cúbicos que se botaron, unicamente apareceron a metade. A outra metade son esas partículas finas, que son as máis perigosas. “Iso é o que nos aportou ao conxunto da Ría de Arousa o punto de vertido de Sálvora: unha maior contaminación”.

 

A PDRA entende “a necesidade de dragar as instalacións portuarias para garantir o seu bo funcionamento e dar servizo ás necesidades do conxunto da necesidade”, mais tamén recoñece que a Ría de Arousa posúe unha gran riqueza produtiva e biolóxica. Ademais, expresa que os materiais máis finos que normalmente posúen unha maior carga de contaminantes persistentes e de materia orgánica deben ser estabilizados en terra e non ser depositados no mar. A PDRA tamén advirte que a turbidez xerada polo dragaxe vai afectar ás confrarías próximas e ás organizacións de bateeiros e “se debe consencuar con eles non só o straslado dos bivalvos e a disposición de cortinas anti-turbudez, senón tamén os meses do ano nos que se vai a realizar o dragaxe para minimizar o seu impacto sobre o estado biolóxico das especies, tendo ademais en conta a variación das correntes e do afloramento ao longo do ano”. Pola súa parte, Xaquín Riubido recorda que desta ría viven milleiros de familias. Recoñece que ás veces non somos conscientes de que o asentamento da poboación e a riqueza e actividade económica desta zona ten que ver coa ría, ese motor que “persiste a pesar da crise económica, da pandemia, da contaminación dos ríos. É a despensa de Galicia e de Europa e temos que coidala entre todos”.

 

O exemplo de Vilagarcía de Arousa

 

Malia a anulación do punto de vertido de Sálvora, o Porto de Vilagarcía, dependente de Portos do Estado, persiste en seguir deitando dragaxes nese punto. As obras pretenden extraer 100.000 metros cúbicos de sedimentos. Segundo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), estes materiais serían vertidos na boca da Ría de Arousa na zona próxima á Illa de Sálvora (que quedou clausurada hai dous meses). Ademais, a asociación advirte que o Ministerio de Transición Ecolóxica “nen sequera debería ter admitido a trámite un proxecto que vulnera a resolución de non verter máis dragaxes en Sálvora ata estudar outras alternativas menos impactantes”. Para ADEGA, este proxecto de dragaxe proposto polo Porto de Vilagarcía “dá por bos os estudos técnicos elaborados en 2016 que xustifican a idoneidade do punto de vertido de Sálvora”. Son o “Estudo da zona de vertido de Sálvora” (realizado por Portos de Galicia) e o “Estudo de dispersión de sedimentos en Sálvora” (realizado pola consultora Aquatica ingeniería civil). Segundo a asociación, ambos estudos descoñecen as cantidades reais vertidos en Sálvora, ademais amosar “importantes inexactitudes e contradicións”.

Back To Top