Saltear al contenido principal
A Nova Lei De Pesca Continental Ou De Como Esquecerse Da Conservación Dos Ecosistemas Acuáticos

A Nova Lei de Pesca Continental ou de como esquecerse da conservación dos ecosistemas acuáticos

A Xunta de Galicia vén de presentar o anteproxecto de Lei de Pesca Continental que substituirá a norma vixente dende hai máis de 25 anos.  A norma ten como finalidade ordenar a pesca incluíndo a conservación dos escosistemas acuáticos, algo que segundo a organización ADEGA non se está a facer. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, afirma que a nova lei pretende só exclusivamente ordenar a pesca dende unha perspectiva deportiva e turística. Deste xeito din, deixa nun segundo plano e mesmo “esquece a importancia de conservar os ecosistemas acuáticos continentais” que garantan a sustentabilidade do recurso.

Ante esta nova lei de pesca que desmarcaría a existente dende 1992, ADEGA, presenta unha serie de alegacións na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para que o actual anteproxecto considere aos ecosistemas acuáticos como “algo máis que fornecedores de capturas”.  Engaden que a norma presentada pola Xunta, mostra unha “excesiva tendencia a considerar a pesca como unha actividade de lecer cun importante potencial de negocio”. Critican que para este caso, o anteproxecto é menos ambicioso que a norma vixente, pois din que non garanten a preservación das comunidades vexetais nin da fauna acuática, e polo tanto periga a conservación destes hábitats.

Outra das principais críticas de ADEGA con respecto á normativa que prepara o Goberno galego, é a introdución dun novo tipo de augas de pesca denomidadas “de aproveitamento privado”. Nestas concesións de pesca intensiva, a Xunta cederá na práctica aos titulares a xestión total destes treitos coa condición de que adopten medidas para “impedir a comunicación cos leitos naturais”, e eximindo aos usuarios da correspondente licenza de pesca. ADEGA pide suprimir esta figura por supoñer unha cesión de dereitos sobre bens  dos que a tutela corresponde “exclusivamente á administración”, engaden. Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, existe unha clara intención de converter a pesca nas augas continentais galegas nun elemento máis de atracción turística e de negocio”, descoidando as funcións ecolóxicas e de interese público dos ecosistemas acuáticos.

Volver arriba