skip to Main Content
A Coruña, Unha Das Cidades Con Menor Aumento De Temperaturas Nos últimos Nove Anos

A Coruña, unha das cidades con menor aumento de temperaturas nos últimos nove anos

A Coruña sitúase como unha das cidades que experimentaron un menor aumento de temperatura no periodo 2011-2020 respecto á media 1981-2010 do periodo de referencia, cun 0,44 ºC. As temperaturas medias desta cidade foron variando ao longo dos anos, sen subir dos 15 ºC ata 1948, cifra que se superou en 1990 con case 15,5 ºC. O ano 1999 foi o momento no que esta cidade case chega aos 16 ºC, cifra que aínda non se alcanzou ata o momento. Nos últimos dez anos, a temperatura media de A Coruña foi bastante estable malia o paso do tempo, oscilando máis ou menos entre os 15 ºC e os 15,5 ºC.

 

Esta información corresponde ao Observatorio de Sostibilidade, que presentou o informe “Aumento temperaturas por ciudades en España” (1893-2020), baseado nos datos de AEMET. Unha das conclusións que se extraen do informe é que en todas as cidades españolas (capitais de provincia e cidades autónomas) aumentaron as temperaturas dende que existen datos comparables. Así, o Observatorio de Sostibilidade chama a atención a gobernos, empresas, organizacións sen fins de lucro, sociedade civil e individuos para encarar a subida do calor das cidades. Polo tanto, é preciso “adoptar medidas moi serias e moi radicais para adaptarse ao incremento xa detectado do aumento da temperatura en toda cidade tendo en conta a gran diversidade de situacións ecolóxicas, económicas e sociais”.

 

Continuando de novo con Galicia, en A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense rexístrase un aumento considerable das temperaturas especialmente dende o ano 2014. De feito, os datos do informe revelan que a década máis cálida foi a de 2011-2020; o quinquenio máis cálido foi o de 2016-2020; e o ano máis cálido, o 2020. En canto a Vigo, a dierenza de graos entre o periodo 2011-2020 sobre o de 1981-2010 foi de 0,746, situándose como a número 20 na lista por debaixo doutras cidades españolas; Lugo séguelle de número 23, cun 0,706; no caso de Ourense, falamos de 0,691, posicionándose de número 26. A Coruña atópase por debaixo das cidades mencionadas, cun aumento de 0,44 ºC.

 

O informe tamén inclúe unha previsión de incremento de temperatura media no ano 2050. En canto a A Coruña, prevese un aumento de 1,5 ºC; en Pontevedra, de 2º C; e en Lugo en Ourense, os datos indican un aumento de 2,2 ºC. Estas previsións aparecen reflectidas nun mapa elaborado polo Observatorio da Sostibilidade a partir de datos de The Revelator, calculados a partir do modelo CCM4 no escenario 8,5 que representa unha situación na que as emisións non se reducen significativamente.

Back To Top