Saltear al contenido principal
A Compostaxe: O Gran Aliado Para Mitigar Os Efectos Do Cambio Climático

A compostaxe: o gran aliado para mitigar os efectos do cambio climático

Amigos da Terra e a Universidade de Santiago de Compostela, publican a investigación “A Compostaxe, unha aliada fronte a Crise Cilmática”. Este informe, mostra os beneficios do compost para reducir os efectos negativos do cambio climático. O estudo que se enmarca no proxecto “Aplicación de compost procedente de residuos municipais e chans agrícolas e pastos”, conta o apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da fundación Biodiversidade, recolle os resultados dunha investigación coa que a materia orgánica do chan chegou a cuadriplicarse grazas ao emprego do compost. A esta conclusión, chegaron logo de analizar a compostaxe de 19 provedores diferentes, así como os 24 terreos nos que se aplicou. Trátase da primeira investigación que agrupa “a análise de compost e a súa aplicación para coñecer a súa contribución na adaptación ao cambio climático” en territorios con condicións e características tan diferentes (Aragón, Baleares, Cataluña, Galicia, A Rioxa ata Madrid).

Apuntan amais, que unha xestión incorrecta do uso da terra e o cambio climático son factores que contribúen á desertificación e a perda do solo fértil. Os datos extraídos do estudo demostran que o uso de compost reduce este proceso de desertificación.  “A materia orgánica incrementouse dun 4% a 8,6% de media”, que se traduce na mellora da fertilidade do chan e á súa vez nun aumento da producción agrícola. Destacan tamén que a compostaxe implica unha maior porosidade e permeabilidade “cunha mellor aireación e fluxo de auga”, así como tamén os nutrientes teñen maior facilidade para fixarse nos solos e o PH chega a valores próximos á neutralidade.

Neste informe a ONG Amigos da Terra destacan tamén que co uso do compost se poderían evitar a emisión toneladas de Gases de efecto invernadoiro (GEI). En total para o estudo aplicáronse 30,38 toneladas de compost, o que equivale a 91,14 toneladas de biorresiduos. Desta forma evitouse a emisión de entre 10,02 e 30,07 toneladas de gases de efecto invernadoiro. Se temos en conta que en España xéranse ao ano 9,46 millóns de toneladas de biorresiduos, poderíanse evitar máis de 1,05 millóns de toneladas de GEI.

Os resultados desta investigación, dan un pouco de luz logo de que ONU denunciaba recentemente que cada ano pérdense uns 24.000 millóns de toneladas de solo fértil no mundo e máis dun cuarto das terras xa non poden utilizarse. Se nos fixamos en España, o 70% do territorio vése afectado polos procesos de desertificación, sendo unas das rexións máis afectadas.

Non podemos esquecernos tampouco das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). No 2016, as emisións xeradas polo tratamento e eliminación dos residuos en España, “supuxeron o 7% do total das emisións de GEI”, sendo a cuarta maior causa de emisión de gases de efecto invernadoiro en Europa.

 

Volver arriba