Souto da Retorta

O Souto da Retorta

O Souto da Retorta, os eucaliptos máis grandes de Europa

Este espazo natural galego, tamén coñecido co nome de Eucaliptal de Chavín, está situado no noroeste da provincia de Lugo, no concello de Viveiro, na parroquia de Chavín, e conta dende o mes de febreiro do ano 2000 coa denominación de Monumento Natural da comunidade galega.

Trátase dun bosque dunhas 3,2 hectáreas que se atopa na marxe dereita do río Landro e que está conformado, na súa maioría, por exemplares da especie arbórea Eucalyptus globulus, caracterizados pola súa lonxevidade e polas súas extraordinarias dimensións. Varios dos eucaliptos que podemos atopar no Souto da Retorta superan os cen anos e foron plantados entre finais do século XIX e principios do XX, coa finalidade de contribuir á drenaxe do terreo encharcado polos numerosos regatos que alimentaban o curso do río Landro. Un dos exemplares máis destacables, coñecido co sobrenome de “O avó” pola súa lonxevidade, alcanza unha altura de 61,8 m e un perímetro de 7,6 m. e está considerada a árbore máis grande de España polo seu volume de madeira, arredor duns 75 metros cúbicos.

Xunto cos eucaliptos, neste espazo natural existen outras especies arbóreas autóctonas como os carballos, os ameneiros, os loureiros ou os castiñeiros, exemplares típicos da fraga atlántica.

Paradóxicamente, o maior risco ambiental desta zona de especial interese natural, extensible a toda a Mariña lucense, é o gran impacto que os eucaliptos (pertencentes á especie Eucalyptus globulus) exercen sobre a biodiversidade autóctona. A colonización que se rexistrou nas últimas décadas polo auxe do cultivo industrial desta especie alóctona é unha constante na franxa de costa que abarca dende a Praia das Catedrais (Ribadeo), tamén declarado Monumento Natural, ata a Serra da Capelada, xa na provincia de A Coruña, cos conseguintes riscos ambientais que elo supón para a flora e a fauna autóctonas.

Ver: no entorno do Souto da Retorta existen numerosos lugares que non se deben deixar de visitar como a propia ría de Viveiro ou a cercana Serra do Xistral, que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ademais, a auga conforma un dos maiores atractivos da zona con numerosas cascadas e fermosas fervenzas como a do Salto do Can, no propio espazo natural de Chavín, ou a do Pozo da Ferida, tamén no concello lucense de Viveiro, no curso do río Landro. As praias, como a de Covas ou a de Areas, o porto deportivo e a propia vila de Viveiro, de marcado carácter medieval e na que se conservan importantes vestixios da súa historia como tres das primitivas portas de entrada ó casco histórico, no seu día amurallado, e declarado Conxunto Histórico-Artístico, son outras das nosas recomendacións.

Chegar: este espazo natural lucense atópase a seis quilómetros da vila de Viveiro pola estrada cara a Mondoñedo, a LU-540, desviándose pola LU-161 en dirección á parroquia de Chavín.

Comer: os mariscos, os peixes de río e de mar e as carnes son os produtos estrela da gastronomía de Viveiro, materializados en pratos típicos da zona como as navallas ó lambe-lambe, o bonito en rolo ou os torresmos con cachelos. En canto ós postres, a Torta de Viveiro, feita con améndoa e cabelo de anxo, as chulas e os amendoados son a mellor representación da cociña viveirense.

Aloxamento: existe unha ampla oferta hoteleira na zona, con numerosos hoteis e pensións, así como casas rurais que ofrecen aloxamento de calidade á par que a posibilidade de desfrutar da natureza e dos lugares de interese deste concello lucense.

Créditos: Texto: Elaboración propia. Imaxe:Wikimedia Commons. Rodrigo Rega.