Serra de Meira

A Serra de Meira

A Serra de Meira, o nacemento do Miño

A Serra de Meira, situada no noreste da provincia de Lugo, forma parte da Reserva da Biosfera denominada Terras do Miño. Este macizo montañoso, enmarcado no concello do mesmo nome, serve de fronteira natural entre as concas dos ríos Miño e Eo, ó tempo que separa, ou une, dúas das reservas da biosfera existentes en Galicia, a de Terras do Miño e a do Río Eo-Oscos-Terras de Burón, espazo compartido entre as comunidades de Galicia e Asturias.

Os ríos e regatos que nacen nesta serra son outra das características da natureza de Meira. O Miño, o río máis importante de Galicia, nace neste macizo lucense, no lugar coñecido co nome de Pedregal. Numerosas lendas falan da formación e disposición dos enormes penedos que caracterizan a esta zona da serra, e baixo os que nace este curso fluvial. Unha delas fala de que naquelas terras vivía unha vella meiga chamada Irimia que se levaba mal cos monxes do convento, que decidiron quedarse coas súas terras por non lles pagar os impostos; a feiticeira botoulles un meigallo e cubriu o nacemento do Miño con pedras moi grandes ata o fondo da súa leira, para que non puideran ir á auga, dando lugar ó “Pedregal de Irimia”. Outra das lendas, sen embargo, fala duns homes pecadentos convertidos en pedras e que agardan a redención das súas almas coas augas limpas que nacen na serra. Unha terceira relata como os monxes, cos seus rezos, provocaron unha tormenta eléctrica que puxo en fuga ós dragóns, que enviados polo demo e portando grandes pedras nas garras pretendía reducir a escombros o mosteiro… na súa fuxida e, por cobrar altura de voo fronte á serra, desfixéronse delas dando lugar ó pedregal.

A flora da Serra de Meira caracterízase pola presenza de formacións arbóreas dominadas polos carballos e castiñeiros e outras especies de ribeira como os bidueiros e os ameneiros; nas zonas medias e altas da serra os cultivos industriais de eucalipto desprazaron totalmente ó resto das especies forestais. En canto á fauna, os peixes de río como as troitas son algunhas das especies con maior presenza, xunto con mamíferos como a lontra, o corzo ou o lobo.

En canto ós riscos ambientais que rodean a este espazo natural, a colonización do aproveitamento forestal do eucalipto xunto co forte impacto ambiental e visual que provoca o parque eólico que ocupa a práctica totalidade da “cordada” da serra son dous dos principais problemas do ecosistema da zona.

Ver: o Pedregal, acumulación de pedras graníticas debaixo da que nace o río Miño, ou Fonmiñá, formado polo mesmo curso fluvial no Concello de A Pastoriza son dous dos lugares que se convirten en visita obrigada se se vai á Serra de Meira. Non moi lonxe, o castro celta de Viladonga, pertencente ó concello de Castro de Rei, ou o Mosteiro de Santa María de Meira, no concello que leva o mesmo nome, son algunha das propostas máis interesantes.

Chegar: a mellor opción para chegar ata a Serra de Meira é a estrada N-640, que une Lugo e Vegadeo e pola que podemos acceder a puntos tan interesantes como o cume na zona de Porto do Marco.

Comer: as verduras e legumes, xunto coas carnes de caza e de animais domésticos son a mellor representación da gastronomía de Meira. Pero sen dúbida, o pan é o produto estrela da zona, xunto coas masas e empanadas, entre as que destacan a de mazá e a de de touciño entrefrebado ou bola de liscos, prato típico do lugar.

Aloxamento: aínda que non son abundantes, cabe destacar as casas de turismo rural e os acolledores hoteis e pensións que hai nos núcleos poboacionais máis importantes da zona como Meira, Ribeira de Piquín ou A Pastoriza.

Créditos:  Texto: Elaboración propia. Imaxe: Wikimedia Commons