Rio Eo

O río Eo

Río Eo, Oscos e Terras de Burón, o encanto dun curso fluvial

Trátase dun espazo natural situado no noreste da comunidade galega, na provincia de Lugo, e que comparte coa comunidade veciña de Asturias. Afecta terras dos concellos lucenses de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz e dos asturianos de Castropol, Vegadeo, Taramundi, San Tirso de Abres, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos. Foi declarado Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón no ano 2007 e abarca unha superfice de arredor de 160.000 hectáreas. Dentro da reserva atópanse outras áreas que contan con diversas figuras de protección como a de Lugar de Interese Comunitario, Monumento Natural, Zona de Especial Protección para as Aves, Humidal de Importancia Internacional RAMSAR ou Humidal Protexido.

Este espazo natural está vertebrado en torno á cunca do río Eo, aínda que tamén son de destacar outros cursos fluviais como o Navia, o Porcía ou o Miño, que forman parte nalgún dos seus tramos desta Reserva da Biosfera.

A vexetación está dominada polos bosques de ribeira e por especies arbóreas como os loureiros, os carballos, as faias, os acivros, os salgueiros ou as sobreiras. Na zona situada máis ó norte, na franxa costeira, as plantacións de eucaliptos son a vexetación dominante, convertíndose nun importante risco ambiental ó desprazar outras especies autóctonas e limitando a biodiversidade de moitas zonas altas.

En canto á fauna, destaca a importancia do río Eo como hábitat para especies fluviais entre as que resalta o salmón, xa que o Eo é o río salmoneiro por excelencia do noroeste peninsular, xunto con outras especies como a lamprea, a anguía, o reo, a troita ou o mexilón de río. Ademais, cabe destacar a presenza de mamíferos como a lontra ou o furapresas ibérico (toupa de río).

Ver: A Aula de Interpretación da Natureza na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, no concello de A Fonsagrada, é a mellor opción para comenzar a visita a estas terras xa que nos permitirá coñecer de primeira man toda a información relativa á Reserva da Biosfera. Os castros e mámoas son outros dos principais atractivos desta zona e moi numerosos en concellos como os de Trabada, Ribeira de Piquín ou A Pontenova. Neste último municipio recomendamos visitar tamén a Ferreiría de Bogo, un conxunto etnográfico formado por un encoro, unha fervenza, a canle de alimentación, un muíño artesanal, a fragua con mazo e foles e unha central eléctrica e no que se poderán coñecer aspectos interesantes da vida dos nosos antepasados. Ademais, as áreas recreativas son unha constante ó longo do curso do río Eo onde desfrutar da natureza e das actividades ó aire libre como a pesca ou a natación.

Chegar: a autovía transcantábrica A-8 é a principal vía de acceso a este espazo natural. Outras posibilidades son as estradas N-634 (A Coruña-Santander), N-640 (Lugo-Oviedo), LU-740 (A Fonsagrada-A Pontenova) e a estrada local a Ribeira de Piquín dende a N-640, na Pontenova.

Comer: o porco e os seus derivados, principalmente o butelo, as carnes de caza, como o corzo e o xabarín, e os peixes de río, como o salmón, a lamprea, a troita, o reo ou a anguía, son os produtos típicos da gastronomía desta zona.

Aloxamento: as casas de turismo rural, moi abundantes en todos os concellos desta Reserva da Biosfera, son a nosa recomendación para aloxarse preto deste fermoso espazo natural.

Créditos: Texto: Elaboración propia. Imaxe: Wikimedia Commons. Tanja Freibott