Recepcion_en_playa

Residuos Urbanos

A Fegamp organiza unha xornada sobre a xestión da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos 

A sesión, que se celebrará en Santiago, contará con expertos no tratamento destes residuos para coñecer algunas das experiencias locais que se están a desenvolver en Galicia

20-04-2018

A Fegamp organiza unha xornada na que se abordarán os aspectos máis relevantes sobre a xestión da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (FORSU), a través de ponencias da Xunta de Galicia, SOGAMA, o Complexo Medioambiental do Barbanza ou a Deputación de Ourense. Ademais, na mesa de intercambio de experiencias locais daranse a coñecer iniciativas que se están a desenvolver desde diversos concellos, consorcios e deputacións provinciais.

A xornada, que terá lugar o 9 de maio no Auditorio 1 no Edificio Cinc da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela,  está dirixida a persoal ó servizo das administracións públicas, alcaldes, concelleiros e interesados en xeral.

A primeira das mesas de debate sobre a xestión de residuos urbanos comezará as 10.00 horas e nela abordarase o marco normativo e as perspectivas de xestión destes residuso para o que contará coa participación de distintos expertos. Verónica Tellado, subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia centrarase na normativa e logo incluiranse distintas experiencias na xestión como o caso de Sogama, que será explicado polo seu presidente, Javier Domínguez, ou a experiencia da recollida e compostaxe da fracción orgánica do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, que expoñerá o director das instalacións, Jacobo Patiño. Tamén se tratará a importancia do quinto contenedor do que se encargará Javier Bobe, director de Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense.

A partir das doce do mediodía, a sesión centraráse en analizar diferentes experiencias locais de xestión dos residuos urbanos que inclúen dende a implantación do Plan Revitaliza, que explicará a responsable da Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra, María Martínez, así como a Vermicompostaxe que expoñerá o concelleiro de Servizos Municipais de Carballo, Luis María Lamas. Nesta quenda tamén se abordará a experiencia do Consorcio As Mariñas, que leva facendo unha aposta pola compostaxe dende o ano 2001. Miguel Angel Sandar, xerente do Consorcio explicará a xestión realizada. A xornada complementarase coa intervención do concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, Bernardo Varela, que mostrará a proposta desenvolvida no municipio á hora de xestionar os residuos urbanos.

As prazas para participar nesta xornada son limitadas e poderase formalizar a inscrición ata o xoves 3 de maio neste enderezo. Para máis información e consultas poden solicitar información no 881 998 016.

Consulta o programa completo da xornada.