reciclaxe de vidro

Reciclaxe de vidro

Os galegos reciclaron máis de 43.000 toneladas de vidro en 2017, un 5,5 % máis que o ano anterior

Ó longo do ano pasado cada galego depositou no iglú verde 16,1 kg deste material. A Coruña foi a provincia que acadou a maior porcentaxe de reciclaxe con 17,1 Kg/habitante

04-05-2018

No 2017 os galegos reciclaron máis de 43.000 toneladas de vidro, un aumento do 5,5 por centro respecto ó ano anterior. Este dato supón o maior incremento da recollida selectiva a través do contedor verde dos últimos cinco anos. Cada galego reciclou 16,1 kg de residuos de envases de vidro, un quilo más que no ano anterior, cando a media se situou por riba dos 15 quilos.

En canto aos resultados por provincias, nas catro detectouse un incremento respecto dos datos de 2016, sendo un ano máis a provincia da Coruña a única que supera a media galega e a que máis recicla, cun promedio de 17,1 kg/hab, seguida da de Pontevedra, con 15,8 kg/hab, Ourense, con 14,7 kg/hab e Lugo, con 14,4 kg/hab.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, destacou o esforzo da poboación á hora de reciclar este material e recoñeceu que parte deste incremento débese á maior concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente reciclar. Ademais, resaltou que o esforzo realizado polos galegos, que en 2017 reciclaron 2.248 toneladas máis, evitou a emisión de máis de 30.000 toneladas de CO2, o que equivalería a retirar case 7.500 coches das estradas ó longo dun ano; aforrar máis de 100.000 MWh de enerxía na fabricación de novos envases de vidro e evitar a extracción de case 55.000 toneladas de materia primas da natureza, equivalentes a cinco veces o peso da Torre Eiffel.

Co obxectivo de facilitar a colaboración cidadá, ó longo do pasado ano incrementouse un 4% o parque de colectores ata acadar as 15.286 unidades, situando a media de contenerización en 1 colector por cada 177 habitantes.

Tal e como informou o xerente de zona de Galicia-Asturias, Ecovidrio -entidade sen ánimo de lucro que se encarga desde hai 20 anos da reciclaxe de vidro en España-, xestionou máis de 161 millóns de envases o ano pasado, unhas cifras que consolidan a tendencia ascendente na recuperación deste tipo de material en Galicia, que acumula sete anos consecutivos de incrementos.

O vidro na hostalería
Ferreira Costa destacou que hoxe en día ninguén dubida que a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático e engadiu que a hostalería é un sector vital para mellorar os resultados, xa que xera un 50% dos envases de vidro dun só uso que se poñen no mercado, polo que se desenvolveron diversas campañas e iniciativas con Ecovidrio para mellorar os resultados de reciclaxe deste material.