Golfo Ártabro

Programa ambiental no Golfo Ártabro

O CEIDA pon en marcha un programa piloto de educación ambiental dirixido aos centros educativos do territorio do Golfo Ártabro

O proxecto busca divulgar, tanto entre o estudiantado como o público xeral, a biodiversidade destes ecosistemas e a necesidade de conservación e protección

12-04-2018

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, acaba de poñer en marcha o proxecto ‘Un mar de vida para a cidadanía’, unha campaña de comunicación, sensibilización e divulgación dirixida ao público xeral co obxecto de divulgar a importancia da biodiversidade e servizos dos ecosistemas do Golfo Ártabro, e a súa necesidade de conservación e protección.

Entre o público prioritario do proxecto atópanse os centros educativos dos dezaseis concellos que conforman o Golfo Ártabro, aos que vai dirixido o programa piloto de educación ambiental que o CEIDA acaba de deseñar para este curso escolar. Diferentes talleres, xogos e dinámicas achegarán aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria, e 1º e 3º de secundaria, os valores naturais e patrimoniais da súa contorna máis próxima que, na maioría dos casos, tamén é a máis descoñecida. Guiados polo equipo de educadores ambientais, o alumnado descubrirá a biodiversidade deste espazo litoral e marítimo, os seus principais ecosistemas e especies ameazadas, pero tamén tratará aspectos non menos relevantes como son a cultura, a tradición ou as boas prácticas ambientais.

O Golfo Ártabro está conformado pola confluencia das Rías de A Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Alberga un rico patrimonio natural e cultural e unha grande variedade de hábitats e ecosistemas: valiosísimos fondos e pradarías mariñas, dunas e lagoas costeiras, poboacións de golfiños e baleas, especies de flora e fauna ameazadas, ou algunha das colonias de aves mariñas máis importantes da Península Ibérica, entre outros. A biodiversidade deste territorio proporciona á sociedade un elevado número de servizos (provisión de alimentos, protección contra eventos climáticos, cultura, etc.), constituíndo a base sobre a que se asenta unha importante actividade económica vinculada á pesca e á acuicultura, ou ao turismo e o ocio. Non entando, a importancia da súa conservación para o desenvolvemento e benestar da sociedade son amplamente descoñecidos pola maior parte da poboación que vive máis preto dela.

O programa de educación ambiental comezará a primeira semana de maio e estenderase ata finais de xuño. O CPR Plurilíngüe Andaina de Culleredo, o CPI As Mirandas de Ares, e o CEIP Maciñeira de Neda serán os primeiros centros en participar nas actividades programadas polo CEIDA.

O proxecto ‘Un mar de vida para a cidadanía’, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) no marco da convocatoria de axudas Pleamar da Fundación Biodiversidad, non só está dirixido ao público escolar. Nela se inclúen outras actividades dirixidas ao sector pesqueiro e turístico, pero tamén a toda a cidadanía, como son a organización de varios seminarios formativos ou a elaboración de materiais divulgativos, que o CEIDA irá editando nos vindeiros meses.

Pode consultar aquí máis información deste proxecto.