Camino_de_ Pena Trevinca _Pico_Maluro_retocada

Pena Trevinca

A Pena Trevinca, o pico máis alto de Galicia

O Macizo de Pena Trevinca, situado no sudeste da provincia de Ourense, alberga o pico máis alto de toda a comunidade e que recibe o mesmo nome. Trátase dun espazo natural que foi declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) e que se extende polos concellos de A Veiga, Manzaneda, O Bolo, Viana do Bolo e Carballeda de Valdeorras. Ademais, Pena Trevinca conta con outras figuras de protección como o de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e forna parte da Rede Natura 2000. Pena Trevinca está delimitada polas Serras de Cabreira e do Eixe, así como polo río Bibei, ó sur, e polo Sil, ó norte, ademais do Xares, que atravesa este macizo ourensán.

A auga é un dos maiores atractivos de Pena Trevinca, onde o río Xares e os seus pequenos afluentes conforman numerosos lugares con encanto como varias lagoas e encoros, mostra dos elementos de orixe glaciar que existen na zona. As covas formadas nas rochas deste macizo montañoso son outros dos elementos típicos do lugar, como a “Cova dos escapados” ou “O Cubo”.

A flora de Pena Trevinca está composta por prados silíceos e exemplos de mato mediterráneo, que comparten espazo con montes formados por castiñeiros, carballos e, sobre todo, teixos. Neste apartado cabe mencionar o Teixedal de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras, un reducido grupo de trescentos teixos centenarios que forman un bosque único en Europa.

En canto á fauna, neste recuncho da provincia ourensá consérvanse exemplares de aves ameazadas a nivel global, como a charrela, e tamén as únicas poboacións en Galicia doutras especies como a azulenta alpina ou a papuxa tomiñeira, así como a principal de abellaruco. Ademais, áchanse numerosas rapinas como o miñato abelleiro, a aguia cobreira, a aguia real, o falcón peregrino ou o bufo real. Os retiles, como a lagarta rabuda, o lagarto das silveiras ou a píntega rabilonga, e os mamíferos, como os morcegos, a lontra, o lobo ou o corzo, son outras das especies animais con maior presenza en Pena Trevinca.

Non é extraño contemplar no zona cervos ou carneiros bravos (muflóns), ocasional e repetidamente fuxidos dun coto de caza privado e cercado, cuxa xestión ten merecido en varias ocasións críticas polos riscos ambientais que pode supoñer tanto a importación de animais como as propias cercas que poñen “portas ó campo” no municipio de A Veiga.

 

Os maiores perigos ambientais que rodean a esta zona de especial interese natural son os incendios forestais, moi numerosos durante a época estival e favorecidos polas altas temperaturas que soporta a provincia. Ademais, trátase dunha zona cunha importante actividade mineira e extractiva, principalmente de lousa, que tamén afecta á conservación deste espazo natural.

 

Ver: na visita a Pena Trevinca non se deben deixar de ver as lagoas de orixe glaciar que se atopan no pobo de Xares, no concello de A Veiga. Situadas a máis de 1.600 metros de altitude, a Lagoa da Serpe e a do Celo son as máis importantes e, nos meses de inverno, coas baixas temperaturas, ofrecen unha estampa única coa súa superficie totalmente xeada. Sobre a primeira destas lagoas existe unha lenda coñecida no pobo, segundo a cal todas as noites de San Xoan, e dende “os tempos dos Mouros”, aparece sobre un penedo á beira da lagoa unha fermosa princesa que durante o resto do ano permanece convertida en serpe, xa que polo momento, nigún mozo foi quen de superar o medo de vela convertida en serpe e de romper o encantamento.

A Rede de Museos Etnográficos de A Veiga é outro dos atractivos da zona. Formada por antigos teares, forxas e muíños permitiranos coñecer unha forma de vida tradicional e os antigos oficios hoxe en día xa desaparecidos. O paseo fluvial do embalse de Prada ou a Aula da Natureza de O Coiñedo, inaugurados o pasado ano no concello de A Veiga, son outra das opcións para desfrutar do tempo libre na zona de Pena Trevinca.

 

Chegar: na estrada comarcal OU-533 A Rúa-A Gudiña, tomar o desvío cara A Veiga e dende alí pódese chegar ata Xares por estradas locais. Outras opcións serían dende O Barco de Valdeorras, pola OU-121 ata o encoro de Prada (A Veiga), ou por Sobradelo (Carballedo de Valdeorras) desviándose pola OU-122 en dirección a Casaio.

 

Comer: os produtos derivados do porco, como as androias ou os chourizos ceboleiros, e os derivados da caza e da pesca, especialmente as troitas do río Xares e os seus afluentes, son os manxares típicos de Pena Trevinca. No apartado dos doces cabe destacar a bica e as filloas. Pero sen dúbida, o produto estrela desta zona de Ourense é a castaña, que se pode consumir soa (crúa, cocida ou asada) ou como acompañamento en diferentes pratos.

 

Aloxamento: a nosa recomendación son as casas rurais da zona, moi abundantes no concello de A Veiga, a un paso de todos os lugares de interese do Macizo de Pena Trevinca e cunha ampla oferta de actividades en plena natureza ourensá.

Créditos:

Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente: Wikimedia Commons; ISOL